Sala de prensa

 
Santiago, 19 de Febreiro de 2021

A Xunta de Galicia conmemorará este domingo 21 o Día Internacional da Lingua Materna cunha actividade familiar de dinamización lingüística dirixida aos máis cativos, que será retransmitida en streaming desde a Cidade da Cultura, podendo verse nesta ligazón.

Así, os nenos que o desexen e as súas familias poderán gozar de Puño, puñete, unha orixinal proposta da man de Baobab Teatro que inclúe cantos, contos e xogos, para pasar unha hora de divertimento e aprendizaxe, entre as 11,00 e as 12,00 h da mañá.

Santiago, 16 de Febreiro de 2021

A Cidade da Cultura de Galicia programa os sábados 20 e 27 de febreiro dous concertos didácticos en liña que, dirixidos a todo tipo de público, permitirán achegarse dun xeito lúdico á lírica medieval galego-portuguesa e á gaita de fol. Ambos concertos amosarán a influencia do Camiño de Santiago na nosa música, a través dun percorrido no tempo e no espazo polas Rutas Xacobeas da man da soprano Esperanza Mara e dos músicos e artesáns Rosa Sánchez e Pablo Carpintero.

Santiago, 15 de Febreiro de 2021

A Xunta de Galicia vén de iniciar a elaboración do II Plan Estratéxico da Cidade da Cultura, a folla de ruta que marcará a dirección do Gaiás durante o período dos próximos sete anos (2021-2027). Nas próximas semanas desenvolverase un programa de traballo no que participarán 60 expertos, especialistas nas diferentes áreas nas que opera a Cidade da Cultura (cultura, tecnoloxía, turismo, emprendemento, natureza...), e tamén coa previsión de escoitar a opinión da cidadanía a través de 600 enquisas online.

Santiago, 11 de Febreiro de 2021

A Cidade da Cultura de Galicia, no marco das iniciativas dixitais desenvolvidas para que as restricións da pandemia non impidan acceder aos seus contidos culturais, ofrecerá esta fin de semana ás 12,00 horas visitas guiadas á exposición As miradas de Isaac emitidas en directo a través da súa canle de Youtube.

Santiago, 10 de Febreiro de 2021

A Cidade da Cultura de Galicia encabeza a clasificación de institucións e proxectos culturais máis destacados do ano 2020 en Galicia, que vén de publicar o Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea. Elaborado coas valoracións dun panel de 472 expertos e profesionais de toda España, o Gaiás lidera a listaxe de insignias culturais 2020 correspondente a Galicia, seguido do Culturgal, o CGAC, o Teatro Rosalía de Castro ou a (S8) Mostra de Cinema Periférico, entre outras destacadas institucións e acontecementos culturais.

Páxinas