Unha fiestra virtual a Galicia, un relato no mundo

Galicia, un relato no mundo explora a interacción, o papel e o impacto do territorio histórico galego no resto do mundo, rompendo co mito de illamento e periferia, nun percorrido que nos leva dende a prehistoria ata a actualidade. A través desta fiestra virtual agrúpanse diferentes materiais para achegarse en liña a unha mostra que agrupou numerosas pezas de alto valor simbólico para a historia e a cultura do noso país, conservadas en prestixiosas coleccións museísticas de todo o mundo. En moitos casos, chegaron a Galicia por vez primeira para seren exhibidas nesta primeira grande exposición da Xunta con motivo do Xacobeo 2021, e comisariada polo xornalista, profesor e divulgador Manuel Gago Mariño.

VISITA VIRTUAL Á EXPOSICIÓN

Galicia, un relato no mundo traspasa as fronteiras do Museo Centro Gaiás e continúa o seu percorrido grazas ás novas tecnoloxías! Para achegar os seus contidos a todas as persoas que quedaron sen posibilidade de descubrir a exposición de maior éxito da Cidade da Cultura, lanzamos unha visita virtual para gozar dela desde a pantalla. Preme AQUÍ e comeza a viaxe

A mostra, que pechou as súas portas oficialmente o 12 de abril --aínda que non puido recibir visitas desde o 13 de marzo por mor do peche dos museos declarado pola pandemia do COVID-19-- congregou un total de 43.035 visitantes, o que supón unha media de 426 visitantes ao día, cifra récord no rexistro do Museo Centro Gaiás. A visita virtual dá continuidade a esta exposición máis alá do Museo Centro Gaiás, ofrecendo a posibilidade de navegar desde o ordenador ou dispositivos móbiles entre as máis de trescentas pezas da exposición e seguir a descubrir abraiantes conexións de Galicia co resto mundo, así como os segredos que rodean xoias como a Biblia Kennicott, a Santa de Asorey ou o Guerreiro de Lesenho. Ademais, incorpora un ampla variedade de contidos extra para enriquecer a experiencia, como vídeos con explicacións por parte do comisario, Manuel Gago, ou dos técnicos do Servizo de Educación, Mediación, Información e atención ao visitante da Cidade da Cultura.

CONSULTA EN LIÑA O CATÁLOGO DA EXPOSICIÓN

 

Para que revivas esta apaixonante mostra desde a casa ofrecémosche de balde e en liña o catálogo de Galicia, un relato no mundo, que arranca co símbolo do pobo galego que chegou ao corazón do imperio romano (a caetra ou escudo do icónico Guerreiro de Lesenho) nunha viaxe arredor dos catro puntos cardinais. Norte, sur, leste e oeste son os títulos dos catro bloques que artellan os diferentes textos especializados a través dos que o lector pode percorrer tematicamente as máis de 300 pezas recollidas na exposición ao longo das súas 278 páxinas. Chamado a converterse en obra de cabeceira, conta con textos de prestixiosos intelectuais, académicos e expertos, entre os que atopamos por exemplo ao escritores Nélida Piñón e Robert MacFarlane.

VÍDEOS PARA MERGULLARSE NUNHA MOSTRA IMPRESCINDIBLE

Explora a lista de reprodución para dar un paseo pola exposición, descubrir a historia dalgunhas das pezas senlleiras da mostra, ou ver a complexa instalación en sala dunha obra da envergadura do Guerreiro castrexo de Lesenho. Ademais, podes consultar aquí en enlace directo algunhas píldoras audiovisuais destacadas:

  • O Cap Norte: A música (o patrimonio inmaterial galego) que cruzou o Atlántico destino América da man e dos instrumentos dos nosos e nosas emigrantes.
  • O Mapa de Sawley: se che preguntasen cal era o maior "emblema publicitario" de Galicia hai oito séculos que contestarías?
  • Os Adeuses: a emigración galega a América cobra vida da man da man da realidade virtual e nas verbas dalgúns dos seus protagonistas.
  • As músicas da emigración: a fonda pegada de América na nosa música tradicional: onde escoitar unha muiñeira na Habana?
  • A creación do 'fin da terra'Fronte á idea —tan arraigada—, de illamento e de periferia, dun xeito ou doutro Galicia dialogou con outros territorios e culturas xa desde a Prehistoria.
  • A bandeira galega que a emigración escolleu: a bandeira do porto da Coruña que ondeou no Centro Galego da Habana.
  • A Biblia Kennicott: descubre esta xoia da iluminación medieval co comisario Manuel Gago e ollando un dos magníficos facsímiles desta Biblia sefardí única, creada na Coruña.

'VISITA FIADA' A TRAVÉS DE TWITTER

Visita comentada en liña da man de Miguel Ángel Cajigal (@elbarroquista) e Xoán Escudero (@FAremberg), dous dos nosos compañeiros do Servizo de Educación, Mediación, Información e Asistencia ao público do Museo Centro Gaiás. Grazas ao seu enxeño emprendemos un divertido percorrido por algunhas das pezas imprescindibles desta exposición única e descubrimos as historias que agochan. Se non a seguiches en directo a través da nosa canle en Twitter, podes recuperala aquí:

AS HISTORIAS DE GALICIA, UN RELATO NO MUNDO, NO NOSO BLOG

Achégate a través do noso blog a algunhas das obras emblemáticas da exposición e tira dos fíos das historias que conectan Galicia co mundo a través dos tempos: 

 
Exposicións
 
Santa de Asorey (Manuel G. Vicente)
Guerreiro de Lesenho (Miguel Souto)
Cancioneiro da Vaticana (Óscar Corral)
Biblia Kennicott (Manuel G. Vicente)
Mapa de Sawley (Manuel G. Vicente)
Códice Calixtino da Biblioteca Vaticana (Oscar Corral)
Foto: Óscar Corral
Foto: Manuel G. Vicente
 
29 Nov 2023 - 28 Abr 2024
De martes a domingo | De 10 a 20h
5 Dec 2023 - 19 Mai 2024
22 Mar — 4 Ago 2024
De martes a domingo | De 10 a 20 h
Xul 2024 — Xan 2025
De martes a domingo | De 10 a 20 h