A Fundación Cidade da Cultura e Agadea (Asociación Galega de Axuda aos Enfermos con Demencia Tipo Azlhéimer) colaboran na organización de CoiDándonos, unha exposición na que as artistas son as persoas con deterioro cognitivo e as súas familias coidadoras. Composta por máis de 80 obras froito das clases de debuxo e pintura realizadas coas persoas usuarias de Agadea, a mostra contempla a creación artística como un espazo fundamental de expresión, coidado e aprendizaxe mutua no que teñen cabida distintas miradas e sensibilidades.
CoiDándonos pode visitarse no Museo Centro Gaiás (andar 0) do 9 ao 25 de outubro e recolle traballos desenvolvidos nos últimos dous anos a través de diferentes técnicas, como o acrílico, a acuarela, o óleo, o debuxo a lapis ou as técnicas mixtas. A mostra organízase en series temáticas que percorren o autorretrato, a natureza e os animais, o bodegón, a reinterpretación de obras históricas ou o traballo co claroscuro. Estas pezas foron desenvolvidas nas clases de debuxo e pintura impulsadas pola asociación nos últimos anos, e impartidas pola docente e artista Beatriz S. Saá.
O obxectivo destas clases é crear un espazo compartido por persoas con deterioro cognitivo e coidadoras, no que a pintura funciona como fío para reforzar vínculos e compartir experiencias entre iguais. A mostra CoiDándonos permite abrir o resultado da experiencia ao público xeral, ampliando o seu alcance e dando visibilidade e voz, a través da arte, a este colectivo. Expoñer estas obras no Museo Gaiás supón un recoñecemento para as persoas participantes na iniciativa ao tempo que enriquece o espazo cultural desde unha perspectiva máis inclusiva.
Acordo por unha cultura inclusiva
A Fundación Cidade da Cultura e Agadea asinaron este 2026 un convenio de colaboración para impulsar o desenvolvemento de toda unha serie de actuacións encamiñadas a favorecer o acceso á cultura e promover a saúde das persoas con alzhéimer e outras demencias, incidindo na prevención e promoción da saúde, así como na mellora da calidade de vida das persoas afectadas de deterioro cognitivo e das súas familias/coidadores.
Ademais desta exposición, ambas entidades organizaron unha programación especial conxunta con motivo da celebración do Día Mundial do Medio Ambiente que incluíu un obradoiro artístico interxeracional con materiais de refugallo, unha visita ao Bosque da Lembranza e a presentación da Hortiña da memoria, un espazo de bancais de cultivo na contorna do Gaiás, xestionado polas persoas usuarias de Agadea e no que realizar actividades relacionadas coa sostibilidade e a conexión coa natureza.













