Visita virtual a 'Galicia futura. Todo o que imos ser'

A exposición Galicia futura naceu como un proxecto vivo e colectivo, un escaparate da innovación galega, unha mostra na que cincuenta artistas e científicos imaxinaron o noso porvir e abriron procesos creativos propios.

Tras exhibirse na Cidade da Cultura e nas sedes de Afundación de Lugo e A Coruña, prolonga agora a súa vida no espazo dixital cunha completa visita virtual en 360º que inclúe todos os audiovisuais da mostra, desde a curta inédita de Oliver Laxe rodada nos Ancares, á evocadora peza froito do traballo conxunto da poeta Estíbaliz Espinosa e a realizadora Lucía Estévez. Desde esta nova fiestra virtual pode accederse tamén a un feixe de contidos extra que che darán a oportunidade de escoitar a banda sonora da Galicia futura coa "jukebox" concibida por Woyza ou experimentar e compoñer textos coa tipografía modular da exposición. Preme e mergúllate nesta exposición única!

Un suxestivo diálogo entre arte, ciencia, tecnoloxía e creatividade

Como imaxinas a Galicia futura? Esta exposición sae á procura de respostas a esta pregunta baixo o temón do seu comisario e comisaria, Deborah García Bello e Miguel Ángel Cajigal Vera. Galicia futura é o terceiro gran proxecto expositivo da Xunta de Galicia e a Cidade da Cultura con motivo do Xacobeo 21·22 e, tras ser exhibida no Museo Centro Gaiás desenvolveu unha serie de itinerancias en colaboración con Afundación, que a levaron a Lugo e á Coruña.

 

A mostra, dispoñible agora no espazo dixital, toma o pulso do presente para propoñer un percorrido por fitos e ideas innovadoras que xa están a marcar os vieiros do porvir da nosa comunidade en diferentes campos. Explora así un futuro desexado e posible, partindo do traballo que están a desenvolver a día de hoxe diferentes profesionais e grupos de vangarda, desde as artes, á biomedicina, ou a enxeñaría e o deseño. Galicia futura afonda tamén no noso pasado para identificar comportamentos e procesos que constrúen o futuro, poñendo o acento nunha escolma de pezas destacadas que representaron no seu momento un pulo decidido cara ao futuro en diversos eidos.

 

Máis alá do Museo

Amosar o que se está a facer desde distintas áreas do coñecemento, facer visible como as conexións entre os diferentes campos do saber nos permiten comprender a súa progresión, e procurar as claves e estratexias que están a configurar o porvir de Galicia foron outros dos obxectivos desta mostra viva, que quixo transcender as paredes das salas de exhibición, impulsando procesos creativos propios.

Por iso, incluíu tamén numerosas pezas artísticas creadas especificamente para este proxecto por destacados nomes das artes plásticas, as letras, o audiovisual, a ciencia, a escena, o deseño ou a música galega, como o cineasta Oliver Laxe, a dramaturga Marta Pazos, os artistas plásticos Rubén Ramos Balsa e Vítor Mejuto, ou a poeta Estíbaliz Espinosa. Todos os audiovisuais podes continuar a velos nesta fiestra virtual na que pervivirá a exposición.

Comisariado

Deborah García Bello (A Coruña, 1984), @deborahciencia, é química e divulgadora científica.

Investiga ciencia de materiais aplicados á arte contemporánea no Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da Universidade da Coruña, dirixe as xornadas Ciencia & Arte de Bilbao e forma parte do equipo de transferencia científica de L'Oréal. Traballa como divulgadora en TVE, La Sexta, TVG, Radio Nacional ou a Radio Galega.

Foi galardoada cos premios Prisma, Bitácoras e Tesla á divulgación científica.

Miguel Ángel Cajigal Vera (A Coruña, 1981), @elbarroquista, é historiador da arte e divulgador cultural.

Forma parte do equipo educativo da Fundación Cidade da Cultura e dirixe o Máster en Educación en Museos e Espazos Culturais da Universidad Miguel de Cervantes.

É membro do Consello Internacional de Monumentos e Sitios (ICOMOS) e do Consello Internacional de Museos (ICOM) e colabora como divulgador con medios como a Radio Galega, Onda Cero, TVE ou La Voz de Galicia.

 
 
Exposicións
 
29 Nov 2023 - 28 Abr 2024
De martes a domingo | De 10 a 20h
5 Dec 2023 - 19 Mai 2024
22 Mar — 4 Ago 2024
De martes a domingo | De 10 a 20 h
Xul 2024 — Xan 2025
De martes a domingo | De 10 a 20 h