Ser Noutras. Diálogos coa colección do Museo Reina Sofía

Unha colección artística é unha proposta sempre deliberadamente incompleta, un proceso na busca dun dicionario para a historia da arte que marca, paso a paso, obra a obra, o presente dun lugar e dun tempo. Unha colección é un tempo museográfico: un conxunto de obras que se presentan e expoñen para SER NOUTRAS.

Este proxecto experimenta coa hipótese de interrogarnos sobre como se exhibe unha posible colección de arte galega, entrelazando as voces dos e das artistas, tendendo pontes entre os seus corpos de traballo. SER NOUTRAS contén 18 diálogos de artistas, nun convite a confluir coa obra doutros creadores e creadoras galegas presentes na colección do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía, co propósito de propiciar puntos de encontro e establecer conexións.

A exposición exhibe así unha destacada escolma de preto de 40 pezas da colección do Reina Sofía, que percorre desde figuras históricas como Maruja Mallo, Julia Minguillón, Arturo Souto ou Virxilio Viéitez, a artistas actuais cunha ampla e recoñecida traxectoria como Berta Cáccamo, Menchu Lamas, Francisco Leiro, Xurxo Lobato, Carme Nogueira ou Salvador Cidrás entre outros moitos.

As súas voces dialogan así coas de creadoras e creadores novos que están a despuntar no panorama galego e internacional, como Mar Vicente, Lois Patiño, Mar Ramón Soriano, Jacobo Bugarín, Julia Huete, Kiko Pérez ou Yoseba MP, entre outros moitos, nun proceso artístico que se materializa en ata 15 pezas de nova creación, realizadas especificamente para este proxecto expositivo.

SER NOUTRAS ofrece así unha visión dunha colección de arte non como algo estático e inmutable, senón como un ente vivo e conectado co propio proceso de creación artística, activando, encontros, diálogos e procesos. Este discurso expositivo permite xerar conexións interxeneracionais e novas lecturas, e reforza o papel do Museo Centro Gaiás como plataforma para a investigación e a creación artística galega, sempre en relación co contexto estatal e internacional.