O ronsel dun sabio

Con motivo do 250 aniversario do seu pasamento, a Biblioteca e Arquivo de Galicia recorda a figura do Padre Feijoo a través da exposición O ronsel dun sabio, un proxecto bibliográfico e documental sobre a súa vida e obra.

A exposición consta de reproducións e orixinais de oito documentos e 29 libros que se artellan en dúas seccións. A primeira delas, Feijoo e o seu século, inclúe gravados do intelectual e da súa casa natal, no Pereiro de Aguiar; e a súa obra máis coñecida, o Theatro critico universal, xunto coa crítica coetánea e a conseguinte defensa que dela se fixo, da autoría de Salvador José Mañer e de Frei Martín Sarmiento, respectivamente. Tamén incorpora obras do Padre Feijoo como as Cartas eruditas, y curiosas e os índices e compilacións da súa obra. 

O eixo da segunda sección é Feijoo máis aló do seu tempo e céntrase no rexurdir do interese pola súa obra na segunda metade do século XIX. O pensador será obxecto de homenaxes, antoloxías e estudos, e tamén fonte de inspiración. Moitas das pezas deste apartado xiran arredor das homenaxes que lle renderon na cidade de Ourense nas décadas dos setenta e oitenta do XIX, coa celebración dun certame literario e a inauguración dunha estatua. Entre os estudos que se propoñen sobre o autor nesta parte da mostra destacan os de Gregorio Marañón, Otero Pedrayo, Curros Enríquez e Eduardo Blanco Amor.

Como complemento á acción divulgativa desta mostra, Galiciana, a biblioteca dixital de Galicia, tamén lles achega aos seus usuarios e usuarias a inmensa produción bibliográfica do Padre Feijoo co creación dun micrositio específico, que se pode consultar en http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es.

 
Exposicións
 
29 Nov 2023 - 28 Abr 2024
De martes a domingo | De 10 a 20h
5 Dec 2023 - 19 Mai 2024
22 Mar — 4 Ago 2024
De martes a domingo | De 10 a 20 h
Xul 2024 — Xan 2025
De martes a domingo | De 10 a 20 h