Cousas do tempo. Documento dun almanaque imaxinado | Exposición no Arquivo de Galicia

Con motivo do Día Internacional dos Arquivos, o Arquivo de Galicia presenta a exposición Cousas do tempo. Documentos dun almanaque imaxinado, unha proposta que convida a mirar o arquivo desde unha perspectiva tan cotiá como sorprendente: o paso do tempo e a vida que se organiza ao seu redor.

A exposición recrea a estrutura dos antigos almanaques, publicacións que non só ofrecían prognósticos meteorolóxicos para o ano, senón tamén información variada de interese xeral para a poboación. A partir desta idea, a mostra propón un percorrido singular no que o clima, o calendario e a vida social se entrelazan a través dos documentos.

O discurso expositivo articúlase en doce seccións, unha por cada mes do ano. En cada unha delas combínase un mapa de isóbaras coa chamadas “cousas do tempo”, é dicir, as actividades, costumes e acontecementos propios de cada época do ano. En total exhíbense 146 documentos entre os que atopamos testemuños de celebracións recorrentes no calendario galego, como o Entroido, a Semana Santa ou as Festas do Apóstolo, entre outros.

O fío condutor da exposición está marcado polos mapas de situación meteorolóxica elaborados no aeroporto de Lavacolla entre as décadas dos anos 50 e 80 do século XX, posteriormente transferidos ao Arquivo de Galicia pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. Cousas do tempo. Documentos dun almanaque imaxinado propón así unha experiencia expositiva que pon en valor a riqueza e diversidade dos fondos do Arquivo de Galicia, ao tempo que invita o público a descubrir como o tempo, entendido en todas as súas dimensións, deixa pegada nos documentos e na vida das persoas.