As estacións do ano é unha exposición de arte contemporánea singular que convida a abrir os sentidos, camiñar devagar e mergullarse en cada obra. Partindo dun concepto de inmersión espacial, o Museo Centro Gaiás convértese nun lugar onde sentir a arte a través dos sons, da temperatura, das cores e das texturas, coa primavera, o verán, o outono e o inverno como os grandes escenarios das nosas vidas.
A comisaria da mostra, a artista e investigadora, Mónica Alonso, seleccionou coidadosamente cada pintura, escultura, fotografía, instalación e vídeo, deseñando un percorrido que pon o foco no valor emocional, sensorial e simbólico da experiencia artística.
Nesta viaxe percorreremos paisaxes, bodegóns, esculturas e imaxes indiscutiblemente evocadoras da memoria individual e colectiva de cada estación en Galicia. A choiva e a neve, o mar, o verde das montañas, as flores ou plantas e froitos como o millo, as verzas ou a pataca xorden non só como motivos estéticos, senón como compoñentes fundamentais da vida e da identidade galega.
Do Movemento Rexionalista de principios do século XX ata as xeracións máis novas que están a gañar recoñecemento a nivel estatal e internacional, As estacións do ano reúne máis de 80 pezas de 63 artistas, procedentes das coleccións de arte públicas e privadas máis destacadas de Galicia. Entre elas, a Colección de Arte Afundación, a Colección de Arte ABANCA, as fundacións María José Jove, Luis Seoane e Eugenio Granell, así como o Centro Galego de Arte Contemporánea, os museos de Belas Artes da Coruña, Pontevedra e Lugo, ou as galerías Nordés e Trinta.
Dialogan na mostra grandes nomes históricos como Castelao, María Antonia Dans, Eugenio Granell, Laxeiro, Urbano Lugrís ou Seoane con artistas de recoñecida traxectoria como o premio nacional de fotografía Manuel Vilariño e a fotógrafa Mar Caldas, o escultor Manolo Paz, os pintores Antón Lamazares, Berta Cáccamo ou Menchu Lamas, e tamén coas xeracións máis novas representadas por Mar Ramón Soriano ou Sergio Marey, entre outros moitos. Entre as obras, hai pezas inéditas cedidas polos propios artistas, e cinco instalacións que foron encargadas de maneira específica pola comisaria en conversa cos artistas Berio Molina, Mar Vicente, Fernando Casás, Edu Valiña e Mondra, e as irmás Noa e Lara Castro de Lema.
Unha inmersión estética e espacial
O espazo expositivo divídese en catro apartados correspondentes con cada estación. Ademais, antes de iniciar o itinerario, as persoas visitantes acceden a unha sala de cor azul ceo que funciona como espazo neutral, desde o cal poden moverse cara á esquerda ou cara á dereita. Para que o corpo se aclimate, dúas cabinas de inmersión, unha de calor e outra de frío, preceden o percorrido polo verán-primavera e polo inverno-outono.
O deseño está concibido para activar as nosas emocións e á vez focalizar a atención nas obras de arte. Con este fin, cada estación é dunha cor: o inverno é gris, o outono dun verde que vai perdendo intensidade, o verán é un ocre amarelado e a primavera é rosa. Son eleccións cromáticas intencionais, que o cerebro asocia aos diferentes períodos do ano e amplifican a inmersión. O proxecto segue así os principios das investigacións ao redor da neuroestética e a neuroarquitectura, que abordan como o ser humano percibe, procesa e sente a arte e a beleza a nivel neurolóxico e psicolóxico.
Para intensificar esta experiencia, a liña Gaiás Inspira programará visitas especiais nas que o público vestirá prendas monocromas iguais mentres percorre a exposición, convertendo a viaxe pola arte galega nunha auténtica experiencia colectiva. Estas veñen sumarse ás visitas guiadas regulares e tamén didácticas do Museo Centro Gaiás, destinadas ao alumnado dos centros galegos.












