E se o virtual non fose unha copia da realidade, senón outro xeito de habitala?
Que significa ser humano nun mundo expandido?
A exposición Mundo expandido. Entre o físico e o virtual explora os límites da realidade física e da simulación dixital e afonda nos efectos da explosión dos mundos virtuais nas nosas vidas.
A través de 80 pezas, entre as que se atopan desde obxectos históricos dos séculos XVIII e XIX, instalacións inmersivas, videoxogos, aplicacións de realidade aumentada e reflexións sobre o metaverso de diversos artistas nacionais e internacionais, a mostra explora a pulsión humana por habitar mundos simulados. Ao mesmo tempo, convida a reflexionar sobre a relación actual entre a realidade física e os mundos virtuais, e sobre as súas implicacións éticas, filosóficas, legais, sociais e económicas.

A globalización, a hipervixilancia, a desigualdade, as identidades dixitais, ou os códigos de conduta en comunidades virtuais son algúns dos temas, de fonda actualidade, presentes nunha mostra que pon o foco nunha sociedade que habita entre o real e o virtual. Faino a través de pezas históricas e artísticas de creadores de todo o mundo, como Marc Lee, Cao Fei, Solimán López, Eva e Franco Mattes, Theo Triantafyllidis, Angela Washko, Sabrina Ratté, Seonghoon Ban, Johanna Jaskowska e Ines Alpha —entre outros— xunto ao estudio creativo británico ScanLAB Projects ou o Barcelona Supercomputing Center.
Unha realidade híbrida
Trinta anos despois da aparición de internet, o termo ciberespazo semella ter quedado obsoleto, incapaz de reflectir a omnipresenza do virtual na vida cotiá.
Ademais dos espazos físicos, a sociedade habita contornas dixitais que determinan e mesmo condicionan a nosa realidade e con fronteiras día a día máis difusas. Uns espazos que nos permiten estar interconectados pero que, ao mesmo tempo, cambian o xeito en que a humanidade se relaciona, se divirte, merca, traballa, ou aprende.

Con novas formas de experiencia dixital máis inmersivas, por primeira vez na historia da humanidade semella que a pulsión por xerar mundos simulados culminou na posibilidade de abandonar o noso medio natural e vivir inmersos noutro distinto.
Esta exposición explora os antecedentes deste mundo, a relación actual entre a realidade física e a realidade virtual, e reflexiona sobre algunhas das súas implicacións a todos os niveis: éticas e filosóficas, legais, sociais e económicas.
Madrid, Lima e Santiago de Compostela
Mundo expandido é unha exposición de Fundación Telefónica, que puido verse orixinalmente na súa sede en Madrid entre novembro de 2023 e maio de 2024 e itinerou posteriormente ao Perú, exhibíndose entre xuño e novembro do 2024 no Museo de Arte de Lima (MALI). A súa estancia no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura é a primeira itinerancia en España desta mostra.

Fotografías: Manuel G. Vicente / Cidade da Cultura
.












