Do soño á apocalipse. Os vieiros da literatura fantástica en galego

Do soño á apocalipse. Os vieiros da literatura fantástica en galego é unha exposición da Biblioteca de Galicia que pretende reivindicar a importancia deste xénero literario, moitas veces estigmatizado como ‘menor’ e decotío asociado a un público infantoxuvenil. Esta mostra, a través de máis de 100 pezas bibliográficas custodiadas na Biblioteca de Galicia, así como gravados, manuscritos e outros materiais achegados por autores e autoras expostas, pon en valor a literatura fantástica tanto escrita orixinalmente en galego como a traducida ao noso idioma. A maioría das editoriais galegas careceron de coleccións específicas destinadas á literatura fantástica ata principios de século. Esta mostra pretende desterrar os prexuízos que existen sobre o xénero.

Comisariada pola escritora Alba Rozas Arceo e o técnico da biblioteca Lorenzo Romero Castro, a exposición divídese en catro seccións: tradición popular galega, fantasía, ciencia ficción e terror. Cada sección distribúese á súa vez en tres subseccións que afondan nun aspecto do xénero a tratar, compoñendo un total de 12 vitrinas. O discurso expositivo desta mostra compleméntase coas ilustracións de Iago Torres París.

Un lugar no que agroma a fantasía

Galicia sempre foi un lugar proclive á fantasía. O seu rico acervo de lendas e tradicións de influencia celta e precristiá, e mesmo factores climáticos e orográficos, contribuíron á xestación dunha atmosfera adecuada para poboar a súa mitoloxía de seres fantásticos e transmitila principalmente de modo oral, ao redor da lareira. 

Aínda sen ter a súa orixe en Galicia, a literatura galega fixo tal apropiación da materia de Bretaña (os textos medievais que tratan sobre a lenda do Rei Artur e os cabaleiros da mesa redonda na procura do Santo Graal) que podería pasar por un subxénero autóctono. O mesmo se pode afirmar do realismo máxico: esa capacidade de descubrir o extraordinario no cotián, que concorda co imaxinario galego acostumado a unha íntima convivencia coa morte, a tratar as cuestións de ultratumba cunha certa cotiandade e dotar de vida os elementos da natureza. 

Precisamente a tradición popular e o folclore propios son os elementos que se abordan na primeira sección do proxecto expositivo. Nas tres restantes afóndase nos tres grandes subxéneros da literatura fantástica: a fantasía, a ciencia ficción e o terror sobrenatural. En cada unha delas expóñense obras fundamentais de cada subxénero que estean traducidas ao galego de autores de gran renome internacional como J. R. R. Tolkien, Ursula K. Le Guin, Mary Shelley, Shirley Jackson, Edgar Allan Poe ou H.P. Lovecraft, entre outros.

A historia da literatura fantástica galega

De xeito transversal ás catro seccións que conforman a exposición, poderemos realizar unha viaxe pola historia da literatura fantástica na nosa lingua. Do soño á apocalipse. Os vieiros da literatura fantástica en galego amosa a viva presenza do fantástico nas nosas letras dende principios do século pasado, coa obra de Vicente Risco Do caso que ll’e aconteceu ó doutor Alveiros, ata a actualidade.

Na exposición atopamos figuras tan relevantes para a recuperación e revalorización da nosa cultura como Risco, Dieste, Castelao, Cunqueiro, Méndez Ferrín ou Ánxel Fole; pasando por creadores que continuaron este legado e foron abrindo novos vieiros finalizada a ditadura como Darío Xohán Cabana, Agustín Fernández Paz, Manuel Rivas ou Suso de Toro, entre outros. A comezos de século, ten lugar un feito decisivo: o nacemento de Urco, primeira editorial especializada en literatura fantástica en galego.

Hoxe en día, Boadicea, nacida en 2022 e impulsada por José Manuel Dopazo, Marcos López e Alba Rozas, comisaria desta exposición xunto con Lorenzo Romero, é a única editorial especializada en literatura fantástica na nosa lingua. Con todo, son moitos os autores e autoras que continúan a escribrir obras de corte fantástico en galego na actualidade. A mostra tamén acolle as obras dalgunhas delas como María Reimóndez, Patricia A. Janeiro, Elena Gallego ou Lara Dopazo, demostrando que o fantástico nas nosas letras está moi vivo.