Catálogo de Galicia, un relato no mundo

"Galicia sempre tivo ás. Sempre foi propensa a cruzar fronteiras, a percorrer o mundo coma un Ícaro afectado polas culturas que se asentaron na Península Ibérica. Aínda enraizada nas aldeas ou na beira do mar, Galicia alzaba o voo". As palabras da escritora Nélida Piñón no Catálogo da exposición Galicia, un relato no mundo resumen o espírito dunha mostra que nos fala de camiños e encrucilladas, de encontros e desencontros, de aventuras e dunha historia forxada durante milenios.

Para que revivas esta apaixonante exposición desde a casa ofrecémosche de balde e en liña esta obra de cabeceira, que arranca co símbolo do pobo galego que chegou ao corazón do imperio romano (a caetra ou escudo do icónico Guerreiro de Lesenho) nunha viaxe arredor dos catro puntos cardinais. Norte, sur, leste e oeste son os títulos dos catro bloques que artellan os diferentes textos especializados a través dos que o lector pode percorrer tematicamente as máis de 300 pezas recollidas na exposición ao longo das súas 278 páxinas.

O prólogo de Nélida Piñón, filla e neta de emigrantes galegos no Brasil, premio Princesa de Asturias das Letras e primeira muller que logrou ser presidenta da Academia Brasileira das Letras, abre este percorrido pola identidade do paísAo texto da autora de libros como A república dos sonhos súmase tamén a colaboración do multipremiado escritor e académico británico Robert MacFarlane, que co seu gusto polo detalle e traballada prosa se está a converter en todo un renovador da literatura arredor de temas como paisaxe, viaxes, natureza e memoria. MacFarlane percorre parte do Camiño de Santiago no seu libro The Old Ways, mentres que no seu prólogo do Catálogo da exposición fai o propio polas rutas marítimas, polas que desde o Mesolítico en diante circularon persoas e as súas ideas, crenzas, linguas, valores e tecnoloxías.

Coordinado polo departamento de Exposicións do Museo Centro Gaiás, conta con textos de intelectuais e académicos do prestixio de Pilar Cagiao Vila, Ramón Villares, Fernando Pereira, Ana Bulnes, Emilio Grandío, Xulio Ríos, Irene García, José Miguel Andrade, Beatriz Comendador, Henrique Monteagudo, Alfredo Vigo, Rafael Rodríguez, Manuela Sáez, Juan Manuel Monterroso, José Manuel Costa, Manuel Vicente, María del Carmen Saavedra ou Santiago Riveiro.

O deseño e maquetación do mesmo correu a cargo do estudio compostelán Ekinocio Comunicación, –encargado tamén do deseño do grafismo e infografías de gran formato que acompañan o visitante no seu percorrido pola sala de exposicións– nunha coidada edición bilingüe galego/castelán. 

 
Exposicións
 
29 Nov 2023 - 28 Abr 2024
De martes a domingo | De 10 a 20h
5 Dec 2023 - 19 Mai 2024
22 Mar — 4 Ago 2024
De martes a domingo | De 10 a 20 h
Xul 2024 — Xan 2025
De martes a domingo | De 10 a 20 h