Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo

Quen máis e quen menos ten a Xosé Vizoso no seu día a día. Quizáis nunha vaixela de Sargadelos, no cartel das festas da vila, nalgún mural da rúa. Este 2025, con motivo do Día da Ilustración, a Biblioteca de Galicia inaugura a exposición Xosé Vizoso. O neno que debuxou un cabalo, que pon en valor a obra dun dos grandes da ilustración e o deseño da nosa comunidade.Xosé Vizoso

A mostra, composta por seis vitrinas, fai un percorrido pola vida e a obra do artista a través da que podemos entrever as súas motivacións, gustos e o gran esforzo que dedica a cada creación. Xosé Vizoso (Mondoñedo, 1950) conta que xa de pequeno pasaba o tempo buscando formas e debuxos nas paredes. Recentemente creou varias viñetas que ilustran a súa vida dende os inicios e que se poden ver na exposición.

Nunha delas, aparece un grupo de nenos ao redor dunha mestra encamada. Un deles é o propio Vizoso que, antes de ir á escola unitaria, aprendía as letras cunha profesora da vila. O artista conta que nunha desas clases estaba intentando debuxar un cabalo de memoria pero non era quen de replicar a parte traseira. Nun intre, conseguiu saír ao exterior, onde había cabalos, para observalos e poder, finalmente, debuxalos. Así, os cabalos rematarían por converterse nunha das imaxes da súa vida. 

O discurso expositivo percorre a obra de Vizoso dende as súas primeiras creacións. De feito, recolle ata un retrato da súa nai que o artista fixo con 14 anos ou o primeiro cartel das festas de As San Lucas de Mondoñedo, que despois acabaría deseñando durante moitas edicións. Xa no instituto se fixeron nel e impulsaron a súa carreira profesional cara o sector. Así, logo de gañar múltiples premios de debuxo e escultura, e pasar por un proceso selectivo, foi contratado para entrar a traballar na factoría de Sargadelos da man de Isaac Díaz Pardo, que sería un gran mestre para el e lle facilitaría entrar en contacto coa elite artística e intelectual do momento.

Un artista infatigable

A exposición deixa entrever todos os ámbitos artísticos aos que se dedicou Vizoso: pintura, escultura, cerámica, muralismo, deseño editorial e cartelismo. Con todo, o discurso expositivo pon o foco no debuxo como o elemento sobre o que se sustentan todos os seus proxectos.

Imaxes da exposición

Nas vitrinas que conforman esta mostra podemos atopar dende postais de Nadal que envía ás súas amizades a modo de felicitación, ata un busto de Vidal Bolaño que realizou para a carballeira de Santa Minia en Brión, pasando polo mosaico do Bosque do Banquete de Conxo, pezas de cerámica, libros ilustrados, un tarot que realizou xunto con Manuel Aneiros ou carteis de decenas de celebracións populares. De feito, ao longo da exposición, e a través dos distintos carteis de festas populares que realizou, pódese observar a evolución do seu estilo. Cores alegres e trazos aparentemente sinxelos caracterizan a obra deste autor, que acubilla a esencia da cultura galega.

A mostra, comisariada polas bibliotecarias da Biblioteca de Galicia Noelia Bascuas e Ángela García e polo ilustrador Alberto Guitián, en representación da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, tamén conta cos traballos de Julia Abalde, Carlos Arrojo e Abi Castillo que este ano foron seleccionados pola Asociación Galega de Profesionais da Ilustración para reinterpretar a obra de Vizoso.