A exposición internacional Unha vida viquinga, que o Museo Centro Gaiás acolleu entre xullo de 2024 e xaneiro de 2025, pode visitarse tamén en liña a través dunha completa visita virtual. Trátase dunha das maiores exposicións realizadas en España sobre cultura nórdica durante a Idade Viquinga —da segunda metade do s. VIII á segunda metade do s. XI— e abrangue arredor de 120 pezas históricas e arqueolóxicas procedentes de destacadas institucións museísticas de Suecia, Dinamarca, Francia e España, entre elas catro Museos Nacionais e unha Biblioteca Nacional.
Comisariada pola doutora en Estudos Escandinavos e especialista de referencia na Idade Viquinga, Irene García Losquiño, a exposición amosa pezas nunca antes exhibidas na península Ibérica.
A visita virtual reproduce o interior do andar 1 do Museo Centro Gaiás e permite contemplar en detalle a selección de pezas históricas e arqueolóxicas coas que achegarnos ás diferentes etapas da viaxe individual e social dunha hipotética vida viquinga: desde o nacemento, infancia, xuventude e madurez, ata a morte e a concepción do alén. Tamén se poden ver nesta visita virtual as animacións de David Rubín creadas de maneira específica para a exposición, así como a recreación a tamaño real dunha embarcación viquinga de máis de 17 metros de lonxitude.
A exposición afástase de clixés que dominaron o relato sobre o mundo viquingo, rachando prexuízos sobre os roles de xénero, con exemplos como a participación de mulleres nas campañas de exploración, a mestura con outros pobos ou a presenza viquinga fóra de Escandinavia, entre as que se inclúe Galicia. No territorio galego atopamos exemplos tanto de contacto violento continuado, como de asentamento a medio prazo en forma de campamentos, ou lugares onde se forxaron firmes alianzas e relacións de tipo comercial.
Comisaria
Irene García Losquiño (Elche, 1984) | Doutora en Estudos Escandinavos e Máster en Estudos Medievais pola Universidade de Aberdeen. É investigadora e especialista na Idade Viquinga e liderou proxectos interdisciplinares que se centran na presenza viquinga na Península Ibérica en comparación con outras áreas como Inglaterra ou Normandía. Foi profesora de universidade e investigadora en institucións españolas, suecas, americanas e escocesas e o seu traballo foi recoñecido con premios da Real Academia Gustavus Adolphus de Suecia. Participou no documental Real Vikings —da produtora do exitoso drama televisivo Vikings—. Actualmente exerce como investigadora no Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC).














