A exposición Outras historias posibles, que o Museo Centro Gaiás acolleu entre maio de 2024 e xaneiro de 2025, pode visitarse tamén en liña a través dunha completa visita virtual. Outras historias posibles reúne o traballo de seis artistas contemporáneas nadas na década dos 50 e vinculadas a Galicia nos seus camiños vitais e profesionais, cuxas traxectorias merece a pena revisar e contextualizar para, como expresa o título do proxecto, xerar outras historias que completen as xa coñecidas. A mostra, comisariada pola investigadora e crítica de arte Susana Cendán, pon o foco en Ana García Pan, Emilia Guimeráns, Anne Heyvaert, Tusi Sandoval, Blanca Silva e Laura Terré, todas elas artistas que por méritos propios de dedicación e talento, despuntaron especialmente na década dos 80 do pasado século.
A mostra preséntase, neste sentido, como unha guía que complementa a historia xa coñecida dentro do armazón social e artístico dos anos 80 do século XX, un contexto non sempre favorable á creación artística protagonizada por mulleres. Pero máis aló do aspecto reivindicativo, Outras historias posibles pretende festexar, mostrar e compartir o talento dun grupo de artistas capaces de crear unha obra persoal, complexa e diversa, tanto formal como conceptualmente, e situala no lugar que lle corresponde dentro da historia da arte contemporánea.

A visita virtual reproduce o interior do andar 3 do Museo Centro Gaiás e permite contemplar en detalle a selección de pinturas, esculturas, xilografías, catálogos e revistas que permiten apreciar as traxectorias de cada unha destas seis artistas extraordinarias. Ademais, a mostra inclúe unha serie de entrevistas en vídeo nas que elas mesmas dan voz ao seu relato.
A comisaria: Susana Cendán
Susana Cendán é licenciada en Historia da Arte (Universidade de Santiago de Compostela) e doutora en Historia da Arte Moderna e Contemporánea pola Universidade Complutense de Madrid. Na actualidade exerce a docencia na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, no Máster en Deseño e Dirección Creativa de Moda e no Grao en Deseño da Universidade de Vigo.
Xunto coa docencia, a súa traxectoria curricular compleméntase con investigacións e proxectos expositivos relacionados coa construción cultural da identidade, a análise da indumentaria —entendida como unha forma de expresión creativa—, a exposición de narrativas pexorativas ao redor da muller e, concretamente, a muller artista, e a reivindicación dunha maneira plural de entender a arte.
Entre as súas investigacións recentes en revistas académicas e libros sobresaen «Autocaricaturas de Castelao: La construcción de una identidad icónica» (Revista QUINTANA), MA-RA-VI-LLO-SO. 15 razones para reflexionar sobre la creatividad (Dardo, 2018), «Trenzar/Destrenzar. Relatos sobre el pelo en el arte y en la cultura» (Goya. Revista de arte), «Releyendo el surrealismo desde una perspectiva feminista» (Revista Feminismo/s) ou, en colaboración con Nuria Bouzas Loureiro, Lo que el pelo dice de nosotras (Dardo, 2023).
A práctica curatorial enténdea como un instrumento eficaz para incentivar a crítica, dar visibildiade a problemáticas presentes nos debates artísticos, sociais e culturais e afondar en aspectos relacionados coa creación contemporánea. Entre a heteroxeneidade de proxectos curatoriais realizados destacan César Portela. Arquitecto (Museo de Arte Contemporánea de Vigo, 2003-2004), I Love You (Centro Galego de Arte Contemporánea - Centro Torrente Ballester, 2008), A Rebelión dos Xéneros. Retratos, paisaxes e flores (Centro Torrente Ballester, 2009), Falsas Apariencias. Miradas Fragmentadas sobre a infancia (Centro Torrente Ballester, 2011), 500 metros cuadrados de lienzo y 300 kilos de pintura (Pazo Municipal de Exposicións Kiosko Alfonso. A Coruña, 2012), Así nos ven. Así somos? A imaxe da muller na arte. Pinacoteca Fernádez del Riego, 2016), Un rolo de papel continuo [Exposición itinerante] (Universidade de Vigo, Sede Afundación Vigo e A Coruña. 2017-2018), Almudena Fernández Fariña. Pisando Charcos (CGAC, 2023).













