Valor e mestría. Galicia como fútbol

Valor e mestría. Galicia como fútbol é a exposición máis ambiciosa sobre o fenómeno do fútbol na nosa comunidade, tanto en percorrido histórico como en número de pezas: 300, das cales 200 son orixinais.

A mostra arranca en 1876, ano no que se data a primeira referencia o xogo do foot-ball en Galicia —e que algúns historiadores consideran que tamén en España— ata o gol do celtista Iago Aspas no recente Mundial de Rusia.


Ao longo destes 143 anos o fútbol galego foi protagonista en numerosos momentos estelares. Así, a escolma de pezas desta exposición devólvenos as xestas de equipos como o Racing subcampión da Copa de España, o Pontevedra do Hai que roelo, o Súper Dépor ou do Celta que brillou en Europa; de adestradores como Moncho Encinas, Arsenio Iglesias ou Carriega; e de xogadores como os olímpicos galegos de 1920, Luis Suárez, Amancio, Marcelino, Fran, Borja Oubiña, Iago Aspas, Lucas Vázquez ou Lucas Pérez; ou da nosa futbolista máis internacional, Verónica Boquete, o nome máis representativo da explosión que está a vivir o fútbol feminino galego e que tivo á porteira Irene como pioneira a principios do século pasado.

Facerse eco de todos eles é o principal obxectivo de Valor e mestría. Galicia como fútbol, a exposición que se desenvolve no segundo andar da Cidade da Cultura, en Santiago de Compostela. 

Organizada pola Xunta de Galicia coa colaboración da Federación Galega de Fútbol e LaLiga Santader, conta con dos expertos en fútbol galego Xosé Antón Castro Fernández e Rubén Ventureira Novo como comisarios da exposición.
 
A mostra reunirá trofeos, medallas, carteis, bandeirolas, bufandas, camisetas, botas, fotografías, vídeos e outro tipo de obxectos. As pezas que compoñerán a exposición serán achegadas por diferentes coleccionistas públicos (30) e privados (60). Así, requiriuse a colaboración dos principais clubs da comunidade –así como da federacións galega– e tamén dos xogadores máis relevantes da historia do noso fútbol ou ben dos seus herdeiros.
 
O papel dos galegos na selección española será destacado especialmente. Haberá tamén apartados específicos para as distintas etapas da selección galega e para os adestradores máis sobresalientes. Non se obviará neste percorrido histórico a relación do fútbol galego coa cultura, especialmente coa literatura ou a pintura. Precisamente, o nome do título da exposición vén da descrición que deste deporte fixo o intelectual e escritor ourensán Eduardo Blanco Amor, mentres que a imaxe gráfica principal da mostra tamén é autoría doutro artista ouresán Antón Pulido.
 
A ampla duración da exhibición obedece a que é a primeira vez se que celebra unha mostra destas características, o que obrigou a un inxente traballo de recompilación de datos, documentación e pezas, traballo que merece ser plasmado con xenerosidade temporal.
 
Exposicións
 
18 Mar - 5 Set 2021
Aberta de martes a domingo | De 10 a 20 horas
23 marz - 8 ago 2021
Aberta de luns a domingo | De 10 a 20 horas
27 Mar - 15 Ago 2021
De martes a domingo, de 10 a 20 horas
30 Abr - 27 Xuñ 2021
De 10 a 20 horas
14 mai - 30 ago 2021
Aberta de 9 a 21 horas
20 Mai - 11 Xul 2021
De martes a domingo
Do 9 Xuñ ao 20 Out 2021
De 9 a 21 horas
29 Xuñ -29 Ago 2021
14 Xul 2021 - 9 Xan 2022
De luns a domingo | De 10 a 20 h