Tesoureiras do noso | Exposición da Biblioteca de Galicia con motivo das Letras Galegas 2025

“Agora me puxeron a pandeireta na man se me peta na cabeza tocarei ata mañán”

Unha exposición para poñer o foco en todas as mulleres que mantiveron viva a poesía e a música de tradicional oral e para coñecer tamén como foi evolucionando a súa recollida e posta en valor ao longo dos tempos. Tesoureiras do noso é unha mostra na que a Biblioteca de Galicia, con motivo do Día das Letras Galegas 2025, recompila libros, cancioneiros e material audiovisual para comprender a todas esas mulleres que comezaron a tocar e cantar con pratos e sachos por pura necesidade de diversión e goce ata chegar co seu legado aos escenarios. 

A mostra componse de seis paneis que recompilan a historia das cantareiras dende os séculos XVII e XVIII ata a actualidade. Ademais, tamén haberá unha sección audiovisual onde se poderán ver documentais e recollidas.

Frai Rosendo Salvado e Rosalía de Castro xa se interesaron no seu tempo pola cantigas populares galegas considerándoas "pura poesía, sen artificio" a pesar de estar nunha lingua diferente da oficial e provir de mulleres labregas, de clase baixa. Rosalía foi, de feito, quen máis se identificou con esa literatura, empatizando co sentimento do pobo e levándoo ás altas esferas da época. Neste primeiro momento, recompilábase unicamente as coplas, pero, co paso do tempo e a chegada das tecnoloxías, o foco dirixiuse tamén cara os ritmos e o baile, que acompañaba sempre as cantigas.

Cabe destacar o interese de persoas estranxeiras como Dorothé Schubarth, Alan Lomax ou Gustav Henningsen pola nosa tradición. Chegaron a Galicia dende distintas partes do mundo na segunda metade do século XX e percorreron o territorio recollendo o patrimonio inmaterial que as mulleres das aldeas foron gardando. 

Entre os documentos que recolle esta mostra, comisariada pola técnica da Biblioteca de Galicia Carina Fernández Faya, hai recortes de prensa, fotografías, comentarios de grandes recolleitadores de material como Dorothé Schubarth, coautora con Antón Santamarina do “Cancioneiro popular Galego”, considerada a Biblia da nosa tradición oral. Tamén destacamos a obra póstuma de Sarmiento onde deixa patente a importancia do papel das mulleres nesta tradición e a casete “Recolleita”, a primeira gravación feita en Galicia onde intervén unha pandereteira. Co tempo, as novas xeracións colleron a remuda das cantareiras e, agora, a música popular pode escoitarse en decenas de grupos que a poñen en valor dende unha perspectiva contemporánea. 

Dende as homenaxeadas a centos de tesoureiras lonxe dos focos

A Real Academia Galega acordou dedicar o Día das Letras Galegas 2025 á poesía popular oral, personificado en Adolfina e Rosa Casás Rama, de Cerceda, Eva Castiñeira Santos, de Muxía, e Manuela Lema, Teresa García Prieto e Prudencia e Asunción Garrido Ameixenda, integrantes estas catro das Pandeireteiras de Mens (Malpica). Estas últimas, de feito, chamaron a atención da Sección Femenina da Coruña e logo a de Manuel Cajaraville, da Agrupación Folklórica Aturuxo, e acabaron levando as súas pandeiretas a escenarios de países como Francia ou Arxentina.

Con todo, son centos as mulleres que ao longo do territorio e os anos mantiveron viva a nosa tradición oral. As cantareiras facían música, cantaban e bailaban para divertirse. Facíano por pura necesidade, dado que ata os anos corenta do século XX non había músicos profesionais que chegaran ás aldeas. De feito, moitas o que querían era bailar pero, para iso, tiña que haber música que sostivera o baile. 

“Axudádeme a cantar, nenas da miña aldea; axudádeme a cantar, que estou en terra allea, aila la la ai la la la”


Os cantos e bailes organizábanse ou improvisábanse despois do traballo colectivo (muiñadas, matanzas…) ou nas celebracións. Facíanse ao aire libre ou nas casas ou pendellos da veciñanza. Non había repertorio, nin programación, nin ensaios previos, todo era improvisado, informal. Quen quería aprender tiña que observar os demais. As cantareiras facían quendas para cantar, tocar e bailar (a remuda).

Esta exposición, homenaxéas a todas elas.