Presentación «Téxtil suspendido» | Axudas REGA 2024

A deseñadora de moda María Barros investiga en Téxtil suspendido as posibilidades que ofrecen diferentes disciplinas creativas xunto coas técnicas da alta costura para materializar unha serie de figuras escultóricas colgantes, tridimensionais e con movemento. Os obxectivos da residencia no Gaiás, realizada no marco das Axudas REGA, son realizar un libro e a súa versión dixital para compartir os resultados do proceso de investigación de maneira pública, e crear entre tres e cinco “téxtiles suspendidos”.

Se queres coñecer un pouco máis do proceso creativo que desenvolveu María Barros podes ler a entrada sobre Téxtil suspendido no noso blog e tamén asistir á presentación que María Barros fará o venres 22 de novembro ás 17.30 horas na Cidade da Cultura.

Graduada en deseño de moda no Instituto Europeo di Design di Milán cunha tese dirixida por Franca Sozzani, directora de Vogue Italia, a coruñesa María Barros completou a súa formación con estudos en xestión de proxectos culturais e artísticos (EOI), texidos intelixentes, tecnoloxía téxtil e o Grao en Artes que cursa actualmente na Universitat Oberta de Catalunya. Desde o 2003 traballa como deseñadora freelance e crea tamén a súa propia marca de roupa. Ademais, traballou para as firmas de Carolina Herrera, Roberto Cavalli, Pupi Solari ou Modesto Lomba. Desde 2012 forma parte da Asociación de Creadores de Moda de España, ACME.