A porta aberta, de Lúa Gándara | Intervención gañadora EAN11

Arte en proceso para habitar as Torres Hejduk

A porta aberta é un proxecto vivencial para “habitar” as Torres Hejduk e convertelas temporalmente nun estudio artístico aberto ao público e ao diálogo. Nesta proposta plástica e performática, a artista galega Lúa Gándara (O Porriño, 1988) converte o interior das Hejduk no seu lugar de traballo durante un mes, amosando o seu proceso de creación, agasallándonos un debuxo orixinal e ofrecendo a oportunidade de conversar sobre arte e pintura abstracta.

IMPORTANTE: O sábado 7 de xaneiro será a derradeira oportunidade para conversar con Lúa Gándara no seu estudio aberto nas Torres Hejduk e levar un debuxo orixinal e numerado como lembranza desta intervención artística. Horario: de 10.30 a 14:00 e de 16:00 a 19.30 horas.

Desde a concepción da arte como disciplina aberta, ultrapasando as barreiras que sitúan o público como axente pasivo, Lúa Gándara convídanos con A porta aberta ao seu particular laboratorio e universo creativo. Nunha analoxía do xeito en que Galicia recibe ás persoas camiñantes, e compartindo o espírito de apertura e convivencia presente na cerna do Xacobeo, a artista acóllenos e  agasállanos. Este estudio artístico efémero continuará a poder visitarse semanas despois da estancia física da creadora nas Torres, exhibíndose ata xaneiro o “corpus visual” da obra producida nesta instalación. 

A proposta foi vencedora da IX Convocatoria de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk, convocada en 2021 no marco do XI Encontro de Artistas Novos #EAN11. O certame encádrase na programación do Xacobeo 21-22 e conta coa colaboración da Fundación Banco Sabadell.

Sobre Lúa Gándara

Lúa Gándara (O Porriño, 1988) é unha artista multidisciplinar graduada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, cun posgrao de Creación Sonora na Universidade de Barcelona e un mestrado de Profesorado en Educación Secundaria na especialidade de Artes e Debuxo. A súa obra plástica foi seleccionada en diversos certames como a 15ª mostra MAC, museo de Arte Contemporáneo Fundación Naturgy, o Prémio Artistas do Alto Minho e Galiza 2016 de la Fundaçao Bienal de Cerveira, o VIII Premio para Novos Artistas Auditorio de Galicia ou a X Bienal Internacional Pintor Laxeiro, entre outros. Obtivo o Primero Premio “Novos talentos luso-galaicos” na “IX Bienal de Pintura Premio Eixo Atlántico” e o Premio Xurado Novo na sección Contemporánea do festival INTERSECCIÓN Contemporary Audiovisual Art Festival (2021). En 2022 estreou a performance Tú nunca podrás cantar con La Juan Gallery nos Teatros del Canal de Madrid.

 
Exposicións
 
29 Nov 2023 - 28 Abr 2024
De martes a domingo | De 10 a 20h
5 Dec 2023 - 19 Mai 2024
22 Mar — 4 Ago 2024
De martes a domingo | De 10 a 20 h
Xul 2024 — Xan 2025
De martes a domingo | De 10 a 20 h