María Antonia Dans. A maxia da cor

Neste 2023 de novo unha muller é a protagonista no Día da Ilustración. Despois de Lolita Díaz Baliño é agora de a quenda de recuperar como ilustradora a obra dunha das súas alumnas, María Antonia Dans.

A exposición organizada pola Biblioteca de Galicia quere poñer en valor a obra desta artista cun estilo e graza característicos. Algunhas das súas ilustracións máis destacadas, como as que realizou para o conto La Tata, de Carmen Martín Gaite, ou as dos libros da editorial Doncel, La aventura del Serpiente emplumada ou La isla de las tortugas, poderán verse nesta mostra bibliográfica que estará aberta ao público ata mediados de maio. Máis de 30 obras orixinais, entre libros, debuxos, prensa e revistas, complementadas por reproducións extraídas das principias bibliotecas virtuais, serán as que permitan achegarse ao traballo de María Antonia Dans, artista plástica orixinal, alegre, realista, expresiva, valente, colorista e sempre vencellada a Galicia.


SOBRE MARÍA ANTONIA DANS

Nacida en Oza dos Ríos en 1922, María Antonia Dans foi unha creadora plástica moi prolífica e versátil. Plasmou o seu talento non só na pintura, tamén a ilustración, o debuxo publicitario, o gravado ou o deseño téxtil foron medios para mostrar a súa creatividade.

A faceta de María Antonia Dans como ilustradora ten un dos seus primeiros rexistros a finais do anos 50 nos debuxos que complementan os artigos de María Pura Ramos na sección «Mujer»do xornal Pueblo. Despois desas ilustracións vencelladas aos xornais e revistas da época virán os traballos para as novas editoriais que pretendían renovar a literatura infantil e xuvenil. Será na década dos 60 cando María Antonia Dans destaque entre as ilustradoras polas que apostaron editoriais como Doncel ou Susaeta para darlle un novo aire máis fresco ás súa publicacións. Dans adorna estes contos e relatos con debuxos imaxinativos e estimulantes, grazas á forza da súa paleta de cores vivas e á tenrura das súas figuras, tinguidas desa inxenuidade persoal sempre presente na súa obra.

A partir de 1970 diversifica a súa produción, e acompaña os textos da colección Guías Everest con ilustracións nas que emprega técnicas mixtas, como a acuarela ou a cera. Pese aos novos horizontes temáticos, nestes anos persiste o seu estilo característico de suxeitos de aspecto simple e inocente que aínda cativaba, por medio dun xogo cromático tan carismático, a sociedade do momento.

 

 

 

 
Exposicións
 
21 Out 2022 - 16 Abr 2023
De martes a domingo | De 10 a 20 h
11 Nov 2022 — 9 Abr 2023
De martes a domingo | De 10 a 20 h
De Nov 2022 a Mai 2023
De 9.00 a 21.00 horas
7 Mar - 11 Xuñ 2023
De martes a domingo | De 10 a 20 h
27 Xuñ 2023 - 7 Xan 2024
De martes a domingo | De 10 a 20 h
Mar - Set 2023
De 9.00 a 21.00 horas