A terra do ouro branco. Ourivería galaica na Europa do seu tempo

A Cidade da Cultura exhibe en A terra do ouro branco unha das maiores coleccións de ouro antigo do noroeste peninsular, con máis de 160 pezas procedentes de ata 28 museos e institucións. A exposición abrirá ao público na tarde do venres 20 de novembro no andar 2 do Museo Centro Gaiás.

A mostra reúne torques e outras xoias prerromanas —como diademas, arracadas, brazaletes ou aros de cabelo—, con esculturas e obxectos relacionados co traballo do ouro, así como audiovisuais, ilustracións e animacións que permiten entender non só a artesanía dos pobos galaicos, senón tamén os usos sociais e rituais que lle daban a estas pezas.

O ouro branco, denominado así polo xeógrafo grego Estrabón debido á elevada presenza de prata mesturada co metal, era un recurso outrora moi abundante nas terras que abarcaban Galicia, o norte de Portugal ata o río Douro, Asturias e o occidente de Castela e León. O seu uso nestas sociedades remóntase ás primeiras etapas da metalurxia prehistórica, hai 4.500 anos, e foi evolucionando ata o seu contacto con Roma.

Comisariada polo director do Instituto de Ciencias do Patrimonio (INCIPIT-CSIC), Xosé-Lois Armada, e apoiada nas máis punteiras investigacións arqueolóxicas dos últimos anos, a mostra traza a evolución da ourivería antiga e a súa influencia ata os nosos días. Deseños prehistóricos, como espirais e trísceles, convertéronse en emblemas identitarios e inspiración para artesáns actuais, pero tamén os achados fortuítos e a busca de tesouros dos galaicos deron lugar a múltiples lendas e tradicións orais.