Ser—Noutras. Diálogos coa colección de arte galega do Museo Reina Sofía

«Todo o que permanece pode cobrar vidas novas.
Rebrotan as lecturas nunha conversa a través do tempo»
Yolanda Castaño

Ser—Noutras exhibe unha trintena de obras de arte galega pertencentes á colección do Museo Reina Sofía, asinadas por figuras históricas como Maruja Mallo, Julia Minguillón, Arturo Souto ou Virxilio Viéitez, e tamén por artistas actuais cunha ampla e recoñecida traxectoria: desde Berta Cáccamo a Menchu Lamas, Francisco Leiro, Xurxo Lobato, Carme Nogueira, Vari Caramés ou Salvador Cidrás, entre outros.

A partir desta selección, a exposición convida a creadores e creadoras do panorama galego actual —como Chelo Matesanz, Marta Pazos, Xisela Franco, Lois Patiño, Yoseba MP, Jacobo Bugarín, Julia Huete, Pía Piadosa, Rodríguez-Méndez, Yolanda Castaño, ou Kiko Pérez— a establecer un diálogo desde a propia práctica artística, ben a través dunha obra xa existente, ben dunha peza orixinal realizada de xeito específico para a mostra.

Este proceso materialízase en 18 conversas sobre a memoria, a identidade, o territorio, o conflito, o corpo, a sexualidade, os afectos, os coidados ou o feminismo. Diálogos que atravesan o tempo e as xeracións e das que xorden tamén 15 obras inéditas, realizadas especificamente para este proxecto expositivo.

Ser—Noutras está comisariada pola directora de Acción Cultural do Gaiás, a historiadora da arte e comisaria Verónica Santos, e pola xestora cultural, historiadora da arte e directora da Fundación Camilo José Cela, Chus Martínez. 

18 diálogos, 45 voces entretecidas

Unha colección artística é unha proposta sempre incompleta, un proceso que marca, paso a paso, obra a obra, o presente dun lugar e dun tempo.  A exposición Ser—Noutras experimenta coa hipótese de interrogarnos sobre como se exhibe unha posible colección de arte galega, entendéndoa non como algo estático e inmutable, senón como un ente vivo e conectado co propio proceso de creación.

A mostra proponse deste xeito activar encontros e procesos, xerar novas lecturas e incorporar novas obras que nacen mirándose no espello doutras: obras que se presentan e expoñen para ser noutras obras. Tece así 18 diálogos entre obras e entre 45 artistas, fiando as súas voces e tendendo pontes entre os seus corpos de traballo. O proxecto proponse deste xeito propiciar puntos de encontro, establecer conexións interxeracionais e ofrecer unha nova visión dunha colección como ferramenta de creación e de transmisión social, educativa e crítica.

Maruja Mallo_Marta Pazos | Loreto Martínez Troncoso_Yolanda Castaño | Anna Turbau_Xisela Franco | Carme Nogueira_Javier Fernández Pérez de Lis, Xosé Lois Gutiérrez Faílde, Jaione Camborda | Elena Colmeiro_Mar Ramón Soriano | Virxilio Viéitez_Andrea Costas | Julia Minguillón_Mar Caldas | Arturo Souto_Chelo Matesanz | José María de Labra_Mar Vicente | Berta Cáccamo_Julia Huete | Vari Caramés_Kiko Pérez | Xurxo Lobato_Yoseba MP | Francisco Leiro_Pablo Barreiro | Tino Grandío_ Rodríguez-Méndez | Menchu Lamas_Lois Patiño | Salvador Cidrás_Jacobo Bugarín | Estampa Popular Galega_Pía Piadosa | [Contedor de feminismos] Uqui Permui, Carme Nogueira, Anxela Caramés


Unha ollada múltiple e colectiva

Ser—Noutras aposta por desdebuxar os límites entre as disciplinas e incorporar unha variedade de linguaxes e canais de expresión como o audiovisual, a performance, a fotografía, o son, o deseño, as novas tecnoloxías, a banda deseñada ou a arquitectura, insistindo nos procesos, na colaboración e na paridade. Dentro deste discurso expositivo coral, a artista visual, directora de escena, dramaturga e escenógrafa Marta Pazos dialoga co universo da pintora surrealista Maruja Mallo para crear Maruja, unha instalación espacial inédita concibida como un gran “teatro visual” que se erixe como o propio escenario que acolle todas as obras exhibidas.

A mostra dálle a oportunidade ao Museo Centro Gaiás de imaxinar, adaptar, propoñer, probar, xogar e reorganizar unha colección de arte —como pode ser a do Museo Reina Sofía— asimilando códigos aprendidos e ensaiando e incorporando outros propios para completar un mapa creativo desde a periferia. Ser—Noutras interroga así as formas tradicionais de construír a historiografía artística, ao tempo que aspira a ofrecer un fragmento da historia da arte galega contemporánea e a facer visibles novas realidades, como a solidez dos proxectos de numerosas mulleres artistas.