A Biblioteca de Galicia celebra cada ano as Letras Galegas cunha mostra bibliográfica dedicada á persoa homenaxeada. Nesta ocasión a exposición sobre a figura de Luísa Villalta (A Coruña, 1957-2004) reúne 62 pezas entre fotografías, documentos, CDs de música, libros e publicacións periódicas procedentes case todas do fondo da Biblioteca de Galicia. Ademais, conta con fotografías procedentes do arquivo familiar de Luísa Villalta e doutros profesionais da fotografía, como Manuel G. Vicente, Xoán Piñón e Xurxo Lobato.
Luísa Villalta, a memoria dos sons fai un percorrido pola vida e as múltiples facetas da autora, dende a poesía, o teatro ou a narrativa, ata o seu activismo e a súa estreita relación coa música. As vitrinas da mostra acompáñanse de ilustracións realizadas pola artista Tamara Baz, que parte do concepto da “mousiké” grega, “a arte das musas”, que alude ao o compendio entre poesía (a arte da palabra), música (a arte do son) e a “orquestika” (a arte do movemento) para homenaxear o vencello que a música, a poesía e o activismo tiveron sempre na traxectoria de Villalta.
Estrutura e obras exhibidas
Luísa Villalta, poeta da Cidade Alta
Esta sección pretende que os visitantes se acheguen á súa biografía a través de documentos que nos levan a coñecer a muller nacida na Coruña, estudante, profesora, irmá, compañeira e escritora.
Muller en todos os combates
Neste apartado dase a coñecer a faceta máis reivindicativa da escritora. Luísa Villalta formou parte da directiva da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), participou activamente nos encontros anuais de Galeusca e foi socia e colaboradora da Mesa pola Normalización Lingüística. O seu compromiso pola posta en valor da nosa lingua transmítese nos documentos expostos nesta vitrina.
Sen música non hai poema. Ao principio foi o son
A terceira das vitrinas da mostra céntrase na música como eixo fundamental na vida de Luísa Villalta. Conta cunha peza especialmente importante polo seu contido, o currículo redactado por ela mesma en 1987, que forma parte do expediente de solicitude dunha bolsa de formación e perfeccionamento musical para os integrantes da Xove Orquestra de Galicia e que se conserva no Arquivo de Galicia. Tamén conta cun ensaio importante na súa bibliografía “O outro lado da música, a poesía : relación entre ambas artes na historia da literatura galega”, onde fai unha interpretación musical da historia da poesía galega, desde as cantigas medievais ata os “Seis poemas galegos de Federico García Lorca”. Este ensaio é considerado un punto de vista inédito na interpretación dos textos literarios galegos.
Isto é poesía, un ruído provocado ...
Baixo este título, as pezas seleccionadas percorren os poemarios da autora, así como obras de poesía colectiva nas que participou. Unha das pezas máis destacas é precisamente un poemario colectivo presentado e publicado en Lisboa en 1998, país onde nos últimos anos publicou varias obras. Tamén se pode observar unha peza moi descoñecida, a reprodución dun poema manuscrito que forma parte de “Bestiario”, un libro publicado por Edicións do Dragón, de maneira moi artesanal e que se pode expoñer grazas á colaboración de Miro Villar.
"Todo acontecemento teatral repercute ética, estética..." "Os temas non son meus, son o mundo mesmo..."
As últimas dúas vitrinas da exposición quedan identificadas por dúas citas da autora homenaxeada. Unha delas está dedicada á relación de Luísa Villalta co teatro. Nela expóñense algunhas das súas obras teatrais publicadas nos “Cadernos da Escola Dramática Galega”, dirixida por Francisco Pillado Mayor, amigo e mentor e nas que hai que destacar a pegada da música nesta obras. Tamén hai dúas obras de teatro traducidas por ela, unha delas en colaboración de novo con con Francisco Pillado. Na derradeira vitrina móstranse algunhas das súas publicacións de narrativa e ensaio, outro xénero cultivado con moito éxito por Luísa Villalta.













