Letras Galegas | Carvalho Calero

Un ano máis a Biblioteca de Galicia quere contribuír a difundir á figura elixida pola Real Academia Galega (RAG) para ser homenaxeada no Día das Letras Galegas. Este ano 2020 a figura elixida foi a do estudoso da lingua e da literatura galega Ricardo Carvalho Calero. Unha das consecuencias da situación tan excepcional que estamos a vivir pola crise sanitaria do COVID-19 foi a celebración de xeito virtual do Día das Letras Galegas o pasado 17 de maio. Ese día o mundo cultural galego homenaxeou a Ricardo Carvalho Calero empregando Internet como plataforma das exposición, obradoiros, e demais actividades que se puxeron en marcha virtualmente.

Neste momento no que as institucións da memoria xa volven a ofrecer os seus servizos de forma presencial, a Biblioteca de Galicia non quere perder a súa tradición de realizar unha pequena mostra bibliográfica para poñer en valor ao autor homenaxeado cada ano nas Letras Galegas. Tal e como ocorreu en anos anteriores con Antonio Fraguas ou María Victoria Moreno, neste 2020 os técnicos da biblioteca seleccionaron as obras máis significativas da produción bibliográfica de Ricardo Carvalho Calero. Todas as obras expostas, un total de 50, pertencen á colección da BdG.

50 PEZAS PARA SEIS SECCIÓNS

A exposición está dividida en seis seccións, unha delas adicada a súa vida, e na que se expoñen algúns dos principais títulos publicados coa figura de Carvalho Calero como eixo central. As outras cinco adícanse a súa figura como poeta, dramaturgo,narrador e como investigador da lingua e da literatura galega.

Entre as obras expostas atópanse primeiras edicións dalgúns dos seus poemarios, como O silenzo axionllado, de 1934, ou da súa obra narrativa, como A xente da Barreira (1951). Entre a súa produción como estudoso da lingua e da literatura galega non podían faltar as obras Historia da literatura galega contemporánea (1963) e Gramática elemental del gallego común (1966), obras de referencia fundamentais para as primeiras xeracións de estudantes do patrimonio lingüístico e literario de Galicia.

A exposición, situada no vestíbulo do edificio do Arquivo e Biblioteca de Galicia, pode visitarse ata o outono. Nas próximas semanas tamén poderá visitarse virtualemente na web da BdG https://bibliotecadegalicia.xunta.gal

 
Exposicións
 
 
29 Nov 2023 - 28 Abr 2024
De martes a domingo | De 10 a 20h
5 Dec 2023 - 19 Mai 2024
22 Mar — 4 Ago 2024
De martes a domingo | De 10 a 20 h
Xul 2024 — Xan 2025
De martes a domingo | De 10 a 20 h