A experiencia inmersiva Hábitats. Natureza estendida chega este mes de abril á cidade da Coruña. Unha aventura dixital que explora a diversidade dos ecosistemas do noso planeta atravesando os cinco continentes. A través de oito destinos, poderemos interactuar con espazos, animais e plantas recreadas grazas ás tecnoloxías de realidade virtual e aumentada cun nivel de detalle asombroso.
Dende o deserto de Sonora nos Estados Unidos ata a Gran barreira de coral australiana, dende o Mar de Weddell na Antártida ata a Cova de Ceza no Courel, entre outros, atoparemos na nosa aventura elefantes, osos, tartarugas, baleas, axolotes e moitas outras especies que teremos o privilexio de observar de preto nos seus propios hábitats, grazas ás gafas de realidade virtual.
A instalación estará aberta do 24 de abril ao 13 de setembro de 2025, de luns a sábado (festivos incluídos). Haberá dez sesións cada día, catro pola mañá e seis pola tarde, cunha duración aproximada de 30 minutos cada unha. Ata 10 persoas poderán vivir a experiencia de maneira simultánea en cada sesión. Consulta un pouco máis abaixo as sesións dispoñibles e reserva a túa entrada.
Esta actividade, coorganizada entre Afundación, Obra Social ABANCA e a Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura, foi conceptualizada e desenvolvida por Carlos Seijo, director do estudo galego Maxina.
Entradas
As primeiras entradas xa están á venda a través de Ataquilla e na Sede Afundación A Coruña a un prezo de 3,5 € (gastos de xestión incluídos).
Se pertences a un centro escolar, contacta coa Área Educativa de Afundación a través do correo electrónico areaeducativacoruna@afundacion.org ou do 981 18 65 49, consulta as datas dispoñibles e reserva unha visita para o teu alumnado (desde 4º de E.P. ata BAC e FP).
Información práctica
- Acceso prohibido a menores de 6 anos. Os menores de 12 deberán estar acompañados dunha persoa adulta responsable que tamén deberá adquirir unha entrada; os menores de 8 anos deberán realizar a actividade da man dun adulto.
- As persoas visitantes deben chegar 5 minutos antes da hora da súa reserva.
- Non se recomenda a entrada a persoas con claustrofobia, vertixe, enfermidades cardíacas, antecedentes de convulsións ou sensibilidade á luz.
- A instalación é accesible para persoas con mobilidade reducida.
- Adoptamos un meticuloso protocolo de hixiene: todo o equipo desinféctase coidadosamente para garantir unha esterilización eficiente entre cada visitante.
- Debido ao uso de tecnoloxía avanzada, a instalación pode requirir mantemento non planificado que poida provocar atrasos ou cancelacións.
- A actividade reprodúcese en bucle: cando volva a escena inicial, considérase rematada a experiencia. A duración aproximada é de 30 minutos.













