Galicia, de Nós a nós | Pontevedra

Galicia, de Nós a nós exhibe un conxunto de máis de 300 obras, cedidas por máis de 60 institucións e prestadores privados, que poñen o foco nas conexións internacionais da revista Nós e dos seus impulsores, abrindo unha vía para subliñar a dimensión de universalidade e apertura da cultura galega. Tamén para destacar o legado do grupo de intelectuais galeguistas que contribuíron decididamente, nas primeiras décadas do século XX, ao desenvolvemento, renovación e internacionalización da lingua e da cultura galega.

Comisariada por Afonso Vázquez-Monxardín Fernández e Ana Acuña TrabazoGalicia, de Nós a nós foi estreada na Cidade da Cultura, o pasado outono –coincidindo co centenario da saída do prelo da revista Nós– e exhibida posteriormente no Centro Marcos Valcárcel e na sede de Afundación en Ourense. Organizada pola Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense xunto á Deputación de Pontevedra, chega agora ao Edificio Castelao do Museo Provincial –completando así o mapa das grandes cidades asociadas á Xeración Nós– onde pode visitarse ata o vindeiro 11 de xullo, con entrada de balde.

É a segunda gran exposición do Xacobeo 21-22 –tras Galicia, un relato no mundo e precendendo a Galicia Futura, que se inaugurará no Gaiás este verán– e eríxese ademais como un proxecto de país co que o Goberno galego contribúe a dar a coñecer a riqueza dos fondos atesourados por numerosas fundacións e entidades da comunidade. 

Unha viaxe ao tempo de Nós

A mostra permite contemplar pezas como o mapa de Domingo Fontán que pertenceu a Otero Pedrayo, a primeira tese doutoral sobre lingua galega –realizada pola lingüista alemá Margot Sponer, colaboradora da publicación– os esmaltes de Limoges da Catedral de Ourense, ou a bandeira do Consello de Galicia que foi empregada nas exequias de Castelao. Ademais, reúne por vez primeira documentación dispersa por distintos arquivos que ilustra o desenvolvemento da revista: estatutos e títulos de socios da Sociedade Nós, recibos, subscricións, axenda, libro de contas, facturas ou correspondencia entre os protagonistas, que permiten rastrexar o devir da publicación. Nace tamén co espírito de servir como elemento que aglutine e reforce unha personalidade galega actual propia, ilustrada, universalista e aberta ás correntes de pensamento mundiais, como foi a emanada daquela iniciativa editorial nos anos vinte e trinta; ademais dar a coñecer polo miúdo unha revista que é un dos referentes imprescindibles da cultura galega do s. XX.

Completan o percorrido expositivo un coidado traballo gráfico, asinado polo infografista e ilustrador Álvaro Valiño --colaborador de publicacións como National Geographic, The Washington Post, The Guardian, Corriere della Sera ou Science-- e unha recreación en realidade aumentada do campamento romano de Aquis Querquennis, realizado pola startup galega Xoia Software Development.

Pontevedra, cidade Nós

A exposición pón de relevo ademais o papel da cidade de Pontevedra na historia da revista, xa que foi precisamente arredor dunha mesa da terraza do café Méndez Núñez onde Castelao, Losada Diéguez, Vicente Risco e Ramón Cabanillas plantaron o xerme da creación de Nós en xuño de 1920. O primeiro número da revista saíu do prelo en Ourense e a partir de entón a publicación comezou un devir que esta exposición permite debullar polo miúdo, pasando a editarse na Coruña e tamén en Santiago de Compostela, agás os tres últimos números, que volven editarse en Pontevedra.

 
Exposicións
 
29 Nov 2023 - 28 Abr 2024
De martes a domingo | De 10 a 20h
5 Dec 2023 - 19 Mai 2024
22 Mar — 4 Ago 2024
De martes a domingo | De 10 a 20 h
Xul 2024 — Xan 2025
De martes a domingo | De 10 a 20 h