Federico Ribas: as liñas da beleza

Federico Ribas farase coñecido esencialmente como ilustrador e como publicista. As abundantes portadas e ilustracións, xunto cos abundantes deseños publicitarios, outorgaranlle unha innegable fama no seu tempo, e aos seus debuxos unha difusión popular que os converte en imaxes familiares, aínda que pouca xente hoxe en día saiba identificalos como do autor galego.

Federico Ribas é especialmente coñecido, no ámbito popular, pola súa longa e exitosa carreira de publicista, fixando na memoria da sociedade da súa época unha imaxe refinada, mundana e elaborada dos produtos que anunciaba, e esencialmente dos anuncios que, ao longo de máis de vinte anos, deseña para a casa de perfumaría Gal e os seus múltiples produtos.

Crea para iso Federico Ribas un estilo propio, de raíces modernistas, de perfecto e estudado debuxo, con continuidade e homoxeneidade estilística, de liñas claras e sutís, á vez que elaboradas. A marca Gal, que busca os mellores publicistas do momento, como Alfons Mucha ou A. Ehrmann, vai rematar atopando en Federico Ribas Montenegro o debuxante ideal para dar a coñecer os seus produtos e para fixar neles esa imaxe de frescura, de elegancia e de beleza que os seus deseños comunican ao lector.

A faceta de Federico Ribas como ilustrador é quizais menos coñecida que a de publicista, pero a aparición de moitas das súas ilustracións en revistas de ampla tirada, como Blanco y Negro ou La Esfera, garantíanlle tamén un amplo recoñecemento do público. As súas ilustracións, variadas, imaxinativas e suxestivas, feitas sempre coa calidade que Federico Ribas lle adoita dar aos seus traballos, forman un amplo corpo de debuxos que, pola súa cantidade e calidade, dan fe do enorme esforzo e dedicación do noso artista, á vez que da facilidade coa que asume todo tipo de temas e contornas. Ademais das ilustracións en revistas de gran tiraxe, realiza ilustracións de libros.

En Buenos Aires, onde se exilia con motivo da Guerra Civil, realizou durante os anos corenta as adaptacións gráficas de O Quixote e de A illa do tesouro, ademais doutras obras, quizais menos coñecidas, como as ilustracións infantís para a editorial Atlántida, das que a Biblioteca de Galicia posúe varios exemplares.

 

 
Exposicións
 
18 Mar - 5 Set 2021
Aberta de martes a domingo | De 10 a 20 horas
23 marz - 8 ago 2021
Aberta de luns a domingo | De 10 a 20 horas
27 Mar - 15 Ago 2021
De martes a domingo, de 10 a 20 horas
30 Abr - 27 Xuñ 2021
De 10 a 20 horas
14 mai - 30 ago 2021
Aberta de 9 a 21 horas
20 Mai - 11 Xul 2021
De martes a domingo
Do 9 Xuñ ao 20 Out 2021
De 9 a 21 horas
29 Xuñ -29 Ago 2021
14 Xul 2021 - 9 Xan 2022
De luns a domingo | De 10 a 20 h