Facendo zapping | Reb/veladas na paisaxe IV

Diego Vidal reflexiona sobre a incomunicación na sociedade actual cunha intervención na que tres figuras humanas, próximas pero illadas entre si, dan as costas ao mundo que as rodea. Tomando como punto de partida as ideas do filósofo surcoreano Byung-Chul Han ao redor da alienación provocada polo abuso e mal uso que se fai das novas tecnoloxías, o artista galego intenta chamar a atención sobre a perda de contacto coa realidade próxima, concretamente, co ámbito natural.

Vivimos nunha cultura hiperconectada a nivel global (hiperculturalidade, para o filósofo surcoreano) que carrexa beneficios para a relación e intercambio de información pero que ten tamén unha contrapartida menos amable: o illamento que como individuos establecemos coas nosas “máquinas”.

A intervención está composta por tres pezas realizadas en resina e ferro, ancoradas ao terreo e situadas no Bosque de Galicia, aos pés das Torres Hejduk. As figuras, homes e mulleres sostendo o móbil, presentan os seus rostros desfigurados nun mimetismo total coa pantalla do teléfono, absortos no círculo das novas tecnoloxías e incomunicados do mundo ao redor de si.

As figuras «forman un conxunto escultórico, preto unhas doutras, pero ao mesmo tempo incomunicadas entre si e co resto da contorna», explica Vidal. Algunhas chegan a dar as costas á vista das torres da Catedral de Santiago que se pode contemplar desde o cumio do Gaiás.

«Todo aprema simultaneamente no presente. Iso ten como consecuencia unha aglomeración de imaxes, acontecementos e informacións que fan imposible calquera demora contemplativa. Así é como imos facendo zapping polo mundo». Byung-Chul Han

  • Artista: Diego Vidal

Diego Vidal (Boqueixón - A Coruña, 1997) desenvolve a súa práctica artística principalmente no campo da escultura, combinando obras de escala natural con esculturas de gran formato, nas que crea rostros e corpos humanos que modifica e deforma ao seu antollo para representar aspectos característicos da nosa actualidade, como é o caso desta intervención artística dentro do ciclo Reb/veladas na paisaxe. As súas creacións recibiron varios premios, destacando o 2º premio no certame Xuventude Crea 2022 na categoría de artes plásticas.

Comezou a súa formación artística na Escola de Artes Mestre Mateo de Santiago de Compostela, especializándose en escultura (Premio Extraordinario de Ensinanzas Artísticas Profesionais de Galicia 2017 polo proxecto Xuízo). Logo de mudarse a Valencia en 2020, gradúase en Belas Artes na Universitat Politècnica de València. Cursa o Máster en Produción Artística na mesma universidade e participa en numerosas exposicións colectivas para despois regresar a Boqueixón, a súa aldea natal, onde compaxina na actualidade os estudos de Doutoramento en Arte na UPV coa preparación da súa primeira exposición individual e a participación en varios proxectos expositivos en espazos públicos.

  • Comisaria: Mercedes Rozas

Licenciada en Xeografía e Historia, na especialidade de Arte Contemporánea pola Universidade de Santiago de Compostela e membro do Padroado do Museo do Pobo Galego.

Desde os anos 80 desenvolve o seu traballo na crítica de arte como conferenciante e en publicacións para xornais como La Voz de Galicia e Nós, revistas especializadas e institucións públicas.

Foi coordinadora dos proxectos artísticos Galicia Terra Única (1997), Xacobeo 99 (1999), Pegadas Xacobeas (1999), Galicia Cidade Única (2000), Capitalidades Culturais (2000), Galicia 1981-2001 (2001), X Aniversario da Casa de Galicia en Madrid (2002) e 25 anos de Caixa Galicia en Santiago (2002).

Como comisaria participou nas mostras colectivas Espello do interior, Diálogos co silencio, Camiñantes, Itinerarios artísticos, Expresións Técnicas, Guieiros, Camiño de Santiago luz e vida, Hipervínculos, A arte da semellanza e Camiño de Volta, entre outras. Tamén foi comisaria de exposicións individuais de Eugenio Granell, Xesús Carballido, Manuel Ayaso, Quintana Martelo, Xosé Luis de Dios, Xenaro Martínez Castro, Luis Gabú, Aurichu Pereira ou Leopoldo Nóvoa. Ten colaborado con institucións como a Xunta de Galicia, Afundación, Deputación de Ourense, Museo Barjola, Instituto Cervantes ou o Museo Nacional de Cracovia.