Unha vida viquinga

A exposición internacional Unha vida viquinga achega á Cidade da Cultura unha visión máis ampla e diversa dun pobo que agocha moito máis ca unha historia de conquistas e violencia. Trátase dunha das maiores exposicións realizadas en España sobre cultura viquinga e abrangue arredor de 120 pezas históricas e arqueolóxicas procedentes de destacadas institucións museísticas de Suecia, Dinamarca, Francia e España, entre elas catro Museos Nacionais e unha Biblioteca Nacional.

Unha vida viquinga proponse ir máis alá dos clixés do imaxinario popular sobre esta civilización, achegándonos a aspectos como a participación das mulleres nas campañas de exploración, pero tamén ás viaxes e ao comercio, á mitoloxía, á estrutura social e política, á presenza da cultura viquinga fóra de Escandinavia ou á súa relación con Galicia. Comisariada pola doutora en Estudos Escandinavos e especialista de referencia na Idade Viquinga, Irene García Losquiño, a mostra amosa pezas nunca antes exhibidas na península Ibérica.

A través dunha gran diversidade de obxectos, a exposición afonda na cultura nórdica durante a Idade Viquinga —da segunda metade do s. VIII á segunda metade do s. XI— nun relato artellado arredor do que podería ter sido a vida dunha persoa deste período: desde o seu nacemento, infancia, xuventude e madurez, ata a morte e a concepción do alén. 

Unha vida viquinga combina pezas históricas e arqueolóxicas de diferentes décadas e séculos nun enfoque novidoso e moi humano que permite axexar, través da pequena fiestra que constitúe cada peza, ás diferentes etapas da viaxe individual e social desta hipotética vida viquinga. E malia que non sería posible falar de todas as vidas, as persoas visitantes poderán abandonar a mostra cunha nova idea de como podía ser o periplo vital de guerreiros, raíñas, adolescentes, vellos labregos, feirantes, migrantes... incontables vidas que contribúen a definir ese fenómeno expansivo que foi o mundo viquingo.

Ademais, dentro dun modelo de presentación da historia feminista e inclusivo, a exposición afástase de clixés que dominaron o relato sobre o mundo viquingo. Rachando prexuízos sobre os roles de xénero no pasado, amosa pezas que representan tanto a mulleres como a homes, con exemplos como a participación de mulleres nas campañas de exploración, a mestura con outros pobos ou a presenza viquinga fóra de Escandinavia.

A pegada viquinga en Galicia

O discurso expositivo afondará en varias localizacións de contacto desta civilización na diáspora, entre as que se inclúe Galicia. A forza da expansión viquinga chegou ás costas galegas co mesmo ímpeto co que impactou noutros lugares do mundo, e malia non ser un territorio masivamente asentado por viquingos, varios séculos de visitas continuadas deixaron a súa pegada, por exemplo en áreas como a Ría de Arousa, a ribeira do Ulla ou a Mariña lucense.

En Galicia atopamos exemplos tanto de contacto violento continuado, como de asentamento a medio prazo en forma de campamentos, ou lugares onde se forxaron firmes alianzas e relacións de tipo comercial. Afondar nesta civilización significa tamén afondar no noso pasado e coñecer mellor unha parte da nosa historia.

Destacados museos de catro países

  • SUECIA: Historiska Museet (Museo Nacional de Historia) e Ekonomiska Museet (Estocolmo); Sigtuna Museum (Sigtuna); The Gotland Museum (Gotland)
  • DINAMARCA: The National Museum of Denmark (Copenhague)
  • FRANCIA: Musée d'Archéologie Nationale et Domaine National de Saint-Germain-en-Laye (Yvelines)
  • ESPAÑA: Museo Arqueológico Nacional, Biblioteca Nacional de España, (Madrid); Museo de Pontevedra; Museo das Peregrinacións e de Santiago; Diócese de Mondoñedo
  • [+ Colección privada Shane McLeod]

Comisaria

Irene García Losquiño (Elche, 1984) | Doutora en Estudos Escandinavos e Máster en Estudos Medievais pola Universidade de Aberdeen. É investigadora e especialista na Idade Viquinga e liderou proxectos interdisciplinares que se centran na presenza viquinga na Península Ibérica en comparación con outras áreas como Inglaterra ou Normandía. Foi profesora de universidade e investigadora en institucións españolas, suecas, americanas e escocesas e o seu traballo foi recoñecido con premios da Real Academia Gustavus Adolphus de Suecia. Participou no documental Real Vikings —da produtora do exitoso drama televisivo Vikings—. Actualmente exerce como investigadora no Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC).

Comité científico asesor

  • Neil Price | Catedrático distinguido de Arqueoloxía da Universidade de Uppsala. Especialista en costumes funerarios, campañas militares, xénero e relixión da Idade Viquinga.
  • Charlotte Hedenstierna-Jonson | Investigadora senior no proxecto The viking Phenomenon e profesora da Universidade de Uppasala. Especialista en cultura material, marcial, economía, mobilidade e xénero na Idade Viquinga.
  • Alexandra Sanmark | Catedrática de Arqueoloxía Medieval do Instituto de Estudos do Norte, University of Highlands and Islands. Especialista en prácticas legais, cristianización e xénero na Idade Viquinga.
  • Declan Taggart | Doutor pola Escola de Estudos Escandinavos da Universidade de Aberdeen. Investigador postdoutoral en Háskóli Islands, onde traballa sobre normas morais, relixión e estrutura social na Islandia e a Escandinavia precristiás.
  • Stefan Brink | Doutor en Filoloxía Escandinava (Uppsala, 1990). Foi catedrático do século VI de Estudos Escandinavos na Universidade de Aberdeen e director do Centro de Estudos Escandinavos.
  • Rosa M. Rodríguez Porto | Investigadora Ramón y Cajal na Universidade de Santiago de Compostela. Especialista en Historia da Arte Medieval, manuscritos e as influenzas artísticas escando-ibéricas na Idade Media.
  • Inés García López | Profesora agregada na Universidade Rovira i Virgili. Especialista en literatura nórdica, nórdico antigo, recepción e xénero; tradutora de sagas islandesas e poesía escáldica.
  • José Carlos Sánchez Pardo | Profesor titular de Arqueoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Especialista en arqueoloxía da paisaxe medieval galega e europea, con experiencia na temática viquinga.
  • Manuel Gago Mariño | Xornalista cultural, profesor da Universidade de Santiago de Compostela e comisario de exposicións. Especialista en tecnoloxía e divulgación do patrimonio nacional.