Tesouros reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum

Tesouros reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum é unha exposición internacional que achega a Santiago de Compostela o extraordinario e pouco coñecido tesouro artístico do Terra Sancta Museum de Xerusalén, composto de doazóns das monarquías católicas europeas ao longo de 500 anos. Será a primeira vez e única que estas pezas procedentes de Xerusalén se poidan ver en España, exhibíndose no Gaiás entre o 22 de marzo e o 4 de agosto de 2024.

Ao longo de medio milenio —e para manifestar a súa devoción católica— as casas reais europeas doaron recursos materiais e financeiros, así como suntuosas pezas de arte sacra á Basílica do Santo Sepulcro en Xerusalén, lugar de profunda simboloxía espiritual e importante centro de proxección da devoción e do poder dos reis e príncipes católicos.

Tendo como eixo central estas doazóns, a exposición amosa parte deste tesouro artístico, composto por valiosos obxectos relixiosos de metais e pedras preciosas, cálices, ourivería, códices, ornamentos, vestiduras sacras de rara manufactura… Pezas únicas de incalculable valor que foron custodiadas durante máis de 800 anos, desde a chegada dos franciscanos a Palestina, pero que raramente puideron ser vistas polo gran público. A mostra permite tamén percorrer a historia da Basílica do Santo Sepulcro e o papel da Custodia de Terra Santa, a comunidade de frades da Orde de San Francisco que se asume como gardiá deste singular patrimonio arqueolóxico, artístico e litúrxico.

Na súa estadía en Galicia, a exposición complétase con pezas arqueolóxicas, pictóricas e outras obras senlleiras de institucións galegas como o Museo de Terra Santa do compostelán Convento de San Francisco e o Museo das Peregrinacións, e tamén de fóra de Galicia como o propio Museu Calouste Gulbenkian. O proxecto achegarase así ao nexo que une tres grandes cidades de peregrinación como son Xerusalén, Roma e Santiago de Compostela.

Agasallos de reis, creados para ollos de Deus

Tesouros reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum achega ao Gaiás un patrimonio artístico pouco coñecido, que ata o momento apenas foi exhibido ao gran público. Este conxunto artístico amosouse no Palacio de Versalles en 2013 e no Museo Calouste Gulbenkian en Lisboa entre novembro de 2023 e febreiro de 2024. Tras o seu paso por Compostela, a mostra viaxará a outros dous destinos internacionais aínda por anunciar, en Europa e Estados Unidos. Posteriormente, estas obras comporán o núcleo da colección histórica do Terra Sancta Museum, que prevé abrir as súas portas ao público na cidade vella de Xerusalén.

Institucións co-organizadoras

A Custodia Franciscana de Terra Santa é o nome co que se coñece á provincia da Orde Franciscana que se encarga da administración dos lugares cristiáns en Xerusalén, da recepción de peregrinos, e de atender ás comunidades cristiás locais. O proxecto do Terra Sancta Museum naceu coa vontade de dar maior visibilidade á historia da presenza cristiá na Terra Santa e como un lugar de encontro e diálogo entre distintas relixións. Consta dun núcleo arqueolóxico no Convento da Flaxelación, onde xa exhibe as súas coleccións, e dun núcleo histórico-artístico, que amosará o Tesouro do Santo Sepulcro así como coleccións de arte cristián oriental no convento de San Salvador.

Creada en 1956, a Fundación Calouste Gulbenkian é considerada como unha das institucións culturais portuguesas de referencia e unha das máis dinámicas de Europa. O Museo Calouste Gulbenkian é o buque insignia da Fundación, atesourando unha colección de seis mil pezas de arte exipcia, grecorromana, mesopotámica, islámica, armenia e de Oriente.

Comisariado

COMISARIADO INTERNACIONAL [comisario científico]

Jacques Charles-Gaffiot | Historiador da arte, autor e integrante do Comité Científico do Terra Sancta Museum. Membro da xunta directiva da acción artística Cidade de París, da Unión de Críticos de París, da Association da Demeure Historique e da Sociedade de Amigos de Versalles. É ademais membro fundador do Observatorio do Patrimonio Relixioso e vicepresidente da asociación Cercle du Patrimoine.

André das Neves Afonso | Conservador das coleccións de Ourivería e Xoiaría do Museu Calouste Gulbenkian en Lisboa desde novembro de 2021, tendo anteriormente desempeñado as funcións de asistente das mesmas coleccións no Museu Nacional de Arte Antiga (tamén en Lisboa), institución da que formara parte desde 2010. A súa carreira profesional e investigadora céntrase no estudio da ourivería, os metais e as reproducións históricas de obras de arte.

COMISARIADO LOCAL [comisarios executivos]

Esperanza Gigirey Liste | Directora do Museo das Peregrinacións e de Santiago desde 2017. É presidenta do Consello Galego de Museos e forma parte do Consello Asesor do Museo de Arte Sacra de San Paio de Antealtares, así como do recentemente constituído, Consello de Centros Museísticos de Galicia. Licenciada en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, coas especialidades en museoloxía e historia da arte moderna e contemporánea. Iniciou a súa experiencia profesional en diversos museos galegos: Museo Diocesano e Catedralicio de Mondoñedo, Museo de arte sacro de san Paio de Antealtares, Museo Histórico de Sargadelos, Museo da Construción Naval, Museo de Terra Santa do convento de San Francisco en Santiago de Compostela. Neste último foi técnica superior desde 1994 ata 1997, ano no que pasou a asumir a dirección ata 2003.

Juan Manuel Buján | Ministro provincial da orde dos franciscanos en Santiago de Compostela. Licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Salamanca e licenciado en Teoloxía e en Ciencias Relixiosas pola Universidade Pontificia de Salamanca. É tamén director e profesor do Colexio Plurilingüe Franciscanos de Lugo, director da revista Liceo Franciscano, presidente de Escolas Católicas de Galicia e autor de varias publicacións sobre os Franciscanos en Galicia.