Escenas do cambio: «Sons do esquecemento ou A navalla do tempo»

Un diálogo coa memoria, cun territorio e cunha herdanza colectiva ao fío do esquecemento. Mateo Feijóo, no marco do festival Escenas do cambio 2022, propón ao espectador unha experiencia sensorial coa que favorecer a reflexión ao redor dun legado ao que cómpre darlle voz. Sons do esquecemento ou A navalla do tempo é o título dunha instalación que transporta ata o Museo Centro Gaiás as voces, os sons e as imaxes do pobo de Vilar, en Ourense, nun retrato visual e sonoro que se xestou dentro do programa de Residencias Artísticas do Gaiás 2022

Como director artístico da peza, Mateo Feijóo trasladouse a convivir entre os habitantes deste pobo da comarca da Baixa Limia para construír un retrato que toma como base os seus recordos e as vivencias da infancia. Partindo do íntimo, das experiencias vitais e da cotiandade das xentes deste territorio, xeográfica e metaforicamente illado, recolleron unhas sensacións e un saber que residen quedos na memoria mais magoados polas pegadas do tempo.

A construción dun artefacto da memoria

Sons do esquecemento ou A navalla do tempo

Mateo Feijóo, acompañado polo antropólogo e músico Txema González e os fotógrafos Ximena Garrigues e Sergio Moya, desprazáronse ao pobo de Vilar para iniciar un labor de achegamento aos espazos e ás persoas que resultou esencial na concepción da instalación. O primeiro paso foi establecer unha conexión física e emocional coas xentes e coa contorna co obxectivo de activar a memoria e as sensacións que habitan nelas. “De aí xorde todo, o que aparentemente está esquecido, o que pula por saír, o que saben que non foi escrito”, explica o autor.

Durante a súa estadía, Feijóo e o seu equipo rexeitaron o que denomina “turismo artístico” para pasar a cohabitar o territorio xunto á poboación local. Os artistas achéganse dende unha ollada atenta para recoller todo tipo de información: obxectos, imaxes da paisaxe, gravacións da natureza e relatos de vida. A idea parte así dun lugar moi concreto para construír un relato que aspira a reflectir unha problemática universal: a perda irrecuperable dun saber que define a identidade dos territorios.

Neste contexto, a Cidade da Cultura eríxese como o escenario onde dar forma a todos estes elementos que o creador recolle nun proceso de escoita minucioso. A fotografía e os rexistros sonoros constitúen os elementos clave dun espazo de encontro e intercambio, onde o espectador debe dialogar coa obra trazando o seu propio percorrido. As pezas e os retratos non contan con cartelas explicativas ou identificativas precisamente para activar esta participación atenta das persoas coa instalación. Tal e como explica o propio artista, “deixarse atravesar polo camiño implica unha escoita sensorial. Co proxecto instalativo Sons do esquecemento ou A navalla do tempo trazamos un camiño na memoria, no coñecemento e nos valores que están suspendidos no fío da navalla, a punto de desaparecer”.

A mostra pode visitarse, de balde, ata o 14 de maio no andar -1 do Museo Centro Gaiás.

Ficha técnica

  • Creación espacio sonoro: Txema González de Lozoyo
  • Fotografía: Ximena Garrigues e Sergio Moya Mesa
  • Veciños do pobo de Vilar
  • Dirección artística: Mateo Feijóo

 

Mateo Feijóo

Mateo Feijóo destaca polo seu traballo como director artístico, coreógrafo e programador e institucións como o Teatro de la Laboral ou Naves-Matadero-Centro Internacional de Artes Vivas de Madrid, e tamén como colaborador do Festimad, o Centro Coreográfico Galego e o Consello Nacional das Artes do INAEM, entre outros. Comisario da exposición The kitchen, Homage to Saint Therese de Marina Abramovic, para España e de El archivo del polvo. An Ongoing Project de Elena del Rivero. Como docente, imparte clases no Máster de Creación Teatral da Universidad Carlos III de Madrid.

 
Exposicións
 
Sons do esquecemento ou A navalla do tempo (Foto: Manuel G. Vicente)
Sons do esquecemento ou A navalla do tempo (Foto: Manuel G. Vicente)
Sons do esquecemento ou A navalla do tempo (Foto: Manuel G. Vicente)
Sons do esquecemento ou A navalla do tempo (Foto: Manuel G. Vicente)
Sons do esquecemento ou A navalla do tempo (Foto: Manuel G. Vicente)
Sons do esquecemento ou A navalla do tempo (Foto: Manuel G. Vicente)
Sons do esquecemento ou A navalla do tempo
 
26 Out 2021- 31 Mai 2022
De 9 a 21 horas
11 Mar - 29 Mai 2022
De 10.00 a 20.00 horas
1 Abr - 7 Ago 2022
De luns a domingo | De 10 a 20 h
8 Abr - 28 Ago 2022
De martes a domingo | De 10 a 20 h
5 Mai - 28 Ago 2022
De luns a domingo | De 10 a 20 h
20 Mai - 20 Xul 2022
De martes a domingo | De 11 a 14 h e de 16 a 21 h
20 Mai - 4 Set 2022
Museo do Mar de Galicia | Vigo