Castelao. Mirar por Galicia

Castelao. Mirar por Galicia representa a experiencia de arte dixital máis avanzada ata o momento ao redor de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, un percorrido para atravesar o devir persoal, literario, artístico e político dunha das figuras máis senlleiras da historia de Galicia.

Intelixencia artificial, hologramas, videomapping ou realidade virtual combínanse nun relato que nos traslada unha visión anovadora da vida, as achegas e o universo artístico de Castelao, recreado aproveitando o potencial das tecnoloxías de animación 3D e dos motores de intelixencia artificial xerativa.

Encadrada na programación da Xunta de Galicia con motivo da conmemoración en 2025 do Ano Castelao, a exposición conta coa asesoría e dirección histórica de Miguel Anxo Seixas Seoane, presidente da Fundación Castelao e, posiblemente, o maior especialista na biografía, obra e achegas da súa figura.

A dirección artística corre a cargo de Carlos Seijo, co-fundador do estudio galego Maxina e responsable das animacións e produción dixital desta proposta. Especialista no deseño de efectos visuais, animación 3D, visualización e experiencias inmersivas, conta con máis de 10 anos de experiencia nos que colaborou co Guggenheim de Bilbao ou Netflix, entre outras, ademais de coa Xunta de Galicia en proxectos como Orixes ou Hábitats, ambos no Gaiás.

Unha mirada próxima e humana

En xaneiro de 2025 cumpriuse o 75 cabodano do pasamento de Castelao (Rianxo, 1886 – Bos Aires, 1950). Esta exposición presenta o ser humano e o artista, nunha experiencia que combina as tecnoloxías dixitais e a súa obra orixinal.

Castelao. Mirar por Galicia é un convite a coñecer a persoa detrás da emblemática figura do ilustre autor, artista, político e intelectual integrante da Xeración de 1916. Experimentar a visión do mundo a través dos seus ollos da man da realidade virtual, asistir a unha das súas clases de debuxo impartidas en Pontevedra, abrir unha xanela á súa infancia e mocidade, ou ao seu tempo de exilio tras a Guerra Civil, son algunhas das escenas que se poden experimentar no Museo Centro Gaiás.

Unha ollada íntima e próxima, evocando o seu latexar artístico e tamén humano.

Experiencia inmersiva con videomapping

Unha experiencia inmersiva no interior dun gran cubo de papel, con tecnoloxía de videomapping e son cadrafónico, resume o periplo vital e creativo de Castelao, relatado en primeira persoa a través dunha selección dos seus textos e obra plástica, dotada de vida mediante técnicas de animación 3D e intelixencia artificial xerativa.

Trátase dunha reinterpretación artística do seu espírito creativo, sen perder o rigor documental no relato: unha homenaxe á súa figura e obra, desenvolvida co máximo coidado e precisión por un grupo de profesionais e creadores galegos. Ofrece ademais a oportunidade única de volver escoitar as palabras do intelectual, en galego e na súa propia voz, recreada a partir dun minucioso proceso que conxuga unha escolma de citas da súa autoría, o traballo de actores e locutores profesionais e a aplicación de tecnoloxía de intelixencia artificial.

Uso ético da IA, nun traballo de autor

Nun momento de auxe das intelixencias artificiais xerativas, Castelao. Mirar por Galicia aposta polo emprego destas tecnoloxías dun xeito ético e responsable, sen deixar de lado o necesario traballo de autor.

A materialización da experiencia parte dun amplo proceso de documentación e compilación dun arquivo visual de fotografías persoais de Castelao, e tamén de debuxos da súa autoría, dos diferentes arquivos, bibliotecas e museos depositarios das mesmas.

Para facer posible este proxecto expositivo contouse coa colaboración dalgunhas das máis destacadas institucións culturais do noso país, que cederon os seus fondos, ben para seren exhibidos na mostra como obxectos orixinais ou reproducións, ben para o seu emprego nas diferentes recreacións dixitais e audiovisuais: 

  • Museo de Pontevedra
  • Filmoteca de Galicia
  • Consello da Cultura Galega / Arquivo Sonoro de Galicia
  • Afundación
  • Fundación Castelao
  • Biblioteca de Galicia
  • Fundación Eduardo Blanco Amor / Deputación provincial de Ourense
  • Arquivo Pacheco. Concello de Vigo
  • Biblioteca Nacional de España
  • Arquivo da Real Academia Galega
  • Recreo Cultural da Estrada
  • Biblioteca Municipal Rosalía de Castro / Concello de Arzúa
  • Ademais doutros prestadores privados