BORIS SAVELEV. Viewfinder, unha forma de mirar é a retrospectiva máis ampla realizada ata agora do fotógrafo Boris Savelev (Chernivtsi, Ucraína, 1947), artista premiado en PHotoEspaña 2024 cuxa mirada se forxou na Unión Soviética nos anos 70. Foi aló, primeiro como parte do prestixioso club Novator e máis adiante como freelance para publicacións rusas e estranxeiras, onde comezou a capturar instantáneas á marxe dos temas preestablecidos e as ríxidas regras estéticas do sindicato oficial de fotógrafos.
A exposición, comisariada por Adam Lowe, percorre seis décadas nas que Savelev se converteu nun incansable cazador da vida anónima das cidades, elmento fundamental na súa procura por revelar a fraxilidade do tecido urbano. Chernivtsi, Moscova, San Petersburgo, Nova York, Londres, Madrid, Dresde ou Vigo, cidade que o acolleu tras abandonar o seu país natal logo da invasión rusa, aparecen retratadas na mostra en diferentes épocas. En todas elas, a pesar do paso do tempo, somos quen de compartir o punto de vista do fotógrafo e comprender o que está mirando en cada momento. Instantes nos que os detalles —a tapa dun sumidoiro, unha sombra, un raio de luz— transmiten emocións e nos descobren unha realidade poética e complexa.
Do branco e negro á fotografía dixital
BORIS SAVELEV. Viewfinder, unha forma de mirar está formada por 103 fotografías de diferente formato, acompañadas por material diverso pertencente ao arquivo persoal de Adam Lowe e Boris Savelev, así como tres vídeos que afondan no seu proceso creativo e moi especialmente no seu afán por perfeccionar os procedementos de impresión da imaxe.
O percorrido comeza en branco e negro, con aquelas imaxes que Boris Savelev capturou na década dos 70 e comezos dos anos 80, cando se iniciou como fotógrafo independente en Moscova, logo de rematar os seus estudos de enxeñaría aeroespacial. Continúa por aquelas cidades que marcaron a súa traxectoria dentro e fóra de Rusia para rematar cunha sección dedicada a Galicia, con imaxes tomadas nos últimos tres anos, a partir de que o artista establece un pequeno estudio e cuarto escuro na súa casa na cidade olívica.
Galicia na mirada de Savelev
Coa invasión rusa de Ucraína en febreiro de 2022, Boris Savelev e a súa muller, Natalia Bohomaz, fuxiron de Chernivitsi e refuxiáronse primeiro en Madrid e logo en Cambados e Vigo, onde residen actualmente. Desde a súa chegada, o fotógrafo preparou e imprimiu oito portfolios que recollen a obra da súa vida ata a data, e seguiu tomando fotografías coa que ampliala, desta volta coa Galicia urbana como pano de fondo.
No Museo Gaiás exhíbense por primeira vez media ducia de instantáneas inéditas realizadas por Boris Savelev entre Santiago de Compostela, Vigo, Lugo e Cambados, coas deu forma ao seu novo portfolio Diario galego.
Os seus característicos xogos de luces e sombras e o retrato da rutina anónima nas rúas seguen presentes nunhas imaxes que tan só somos quen de situar de maneira aproximada no espazo e no tempo por detalles presentes na arquitectura, nas roupas ou en elementos como letreiros, cerrados de obras ou mobiliario urbano.
Atrapar e imprimir a luz
«Necesito controlar a cor, aquí, aló... en todas partes»
O encadre —nunca recorta as súas imaxes— a cor e o contraste de luces e sombras son fundamentais para Boris Savelev, e os procesos de impresión mantivéronse como unha obsesión e un campo de probas constante ao longo da súa traxectoria profesional. A súa formación científica e o seu carácter perfeccionista levárono a experimentar con diferentes técnicas para conseguir reproducir da maneira máis fiel posible o que captaba a través do visor da cámara.
É un experto impresor de cuarto escuro que realiza as súas propias copias con sales de prata, e tamén probou cos procesos utilizados polos pictorialistas: impresións con goma bicromatada, calitipia, impresión con platino e paladio, impresión con carbono e moitos máis.
A partir de 1995, cando coñece a Adam Lowe e a Gerard Anière no seu taller Decalcomania en Londres, ábrense para Boris Savelev novas posibilidades para producir impresións das súas fotografías por transferencia de pigmentos multicapa. A súa ampla experiencia neste campo leva a que en 1997 sexa convidado a España polo Centro I+D da Estampa Dixital da Calcografía Nacional para impartir obradoiros nos que fusionaba procesos tradicionais e dixitais.
En 2007, o estudio Factum Arte, fundado tamén por Adam Lowe, construíu unha impresora plana especial de inxección de tinta capaz de construír unha imaxe por capas á medida de Boris Savelev. A maior parte das fotografías de Boris Savelev. Viewfinder, unha forma de mirar foron reproducidas con esta impresora especial sobre paneis de aluminio recubertos de gesso, unha mestura branca que adoita empregarse para imprimar lenzos e outras superficies antes de pintar. Este procedemento permite aplicar varias capas de cor coidadosamente controladas, que son finalmente enceradas e puídas para darlles o seu acabado definitivo, similar en textura ao da pintura realista.













