Bienal Estatal de Circo

A Cidade da Cultura de Galicia será un dos espazos nos que se celebrará a Bienal Estatal de Circo (BEC!), que reunirá en Santiago de Compostela artistas, compañías e profesionais do sector durante catro días, xunto co Teatro Principal e o Salón Teatro.

O avance da programación inclúe 8 espectáculos, 6 showcases e 5 propostas work in progress, ademais de actividades dirixidas ao intercambio entre profesionais. O programa completo, cos horarios e os espazos de celebración, publicarase proximamente.

As inscricións profesionais xa están abertas. As persoas interesadas poden consultar o avance da programación e a información sobre a acreditación aquí.

A bienal contará tamén cun programa profesional con mesas de traballo, cafés PRO, obradoiros, presentacións de proxectos (pitching), espazos de networking e a entrega do Premio CircoRED. A iniciativa recolle a experiencia de Circo Presente Continuo, cuxa última edición, celebrada en 2023, reuniu 285 profesionais inscritos e 62 programadores e programadoras.

BEC! está impulsada por CircoRED, a Federación Estatal de Asociacións de Profesionais de Circo de España, que agrupa asociacións de 13 das 17 comunidades autónomas e representa máis de 850 profesionais. O proxecto conta co apoio do Ministerio de Cultura, da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, e do Concello de Santiago de Compostela, a través de Compostela Cultura. Tamén colabora a Asociación de Profesionais de Circo de Galicia (APCG).