2 Torres, 2 Camiños | Intervención paisaxística

A Vía Láctea, onde acotío nacen e morren estrelas, supuxo para todas as civilizacións un sistema cosmogónico universal que unía o tempo celeste co tempo humano. Xa desde o século XII, esta Vía (o Itinerario das Estrelas / Iter Stellarum) conducía os pasos das persoas peregrinas a través dunha complexa trama de camiños (Iter Humani) ata os confíns do mundo coñecido daquela, que remataba no Finis Terrae.

Esta intervención artística de Ana Luengo, Coro Millares, Jaime Luengo, Mariano Redondo e Beatriz Tejero recupera o sentido máis espiritual e simbólico da ruta xacobea, que entretece os diferentes camiños, pontes, ceos e galaxias coas vidas das persoas que desde fai milenios repiten cos seus mesmos pasos o camiño a Santiago de Compostela.

2 Torres, 2 Camiños converte así a torre opaca do Gaiás en escenario da fugacidade das estrelas e encerra dentro dos seus muros o infinito do espazo mediante unha proxección en movemento da Vía Láctea, simbolizando o Iter Stellarum, que guía o traxecto das persoas peregrinas até Compostela.

A torre transparente condensa pola súa banda o enxame de camiños e sendas que levan a Santiago, o Iter Humani, materializado nun grande nobelo de cordeis enleados que representan este labirinto de itinerarios e vidas entrecruzadas que enriquecen cada día a esencia espiritual da ruta xacobea.

Citerea

Ana Luengo, Coro Millares, Jaime Luengo, Mariano Redondo e Beatriz Tejero forman un equipo multidisciplinar de arquitectas paisaxistas, historiadoras, deseñadores gráficos e industriais que entende o proxecto de paisaxe nunha dimensión cultural. Desde Citerea, as súas actuacións abranguen naturalmente proxectos de execución de parques e xardíns públicos e privados, mais tamén a restauración de xardíns históricos, ou a investigación sobre as paisaxes culturais, as súas dinámicas e evolución, así como as súas dimensións económicas e sociais.

En 2 Torres, 2 Camiños, Beatriz Tejero interpreta unha peza das Cantigas de Santa María de Afonso X o Sabio, (s.XIII): Santa Maria, strela do dia (CSM 100).

 
Exposicións
 
29 Nov 2023 - 28 Abr 2024
De martes a domingo | De 10 a 20h
5 Dec 2023 - 19 Mai 2024
22 Mar — 4 Ago 2024
De martes a domingo | De 10 a 20 h
Xul 2024 — Xan 2025
De martes a domingo | De 10 a 20 h