Visitas especiais coas comisarias da exposición «Ser—Noutras»

Na primeira fin de semana de apertura de Ser Noutras. Diálogos coa colección de arte galega do Museo Reina Sofía contaremos co privilexio de afondar na exposición coas súas comisarias, Verónica Santos Farto e Chus Martínez Domínguez, e acompañalas neste percorrido que nos leva a redescubrir unha colección de arte non como un patrimonio estático nin concluído, senón como un organismo vivo, que pode ser relido e reactivado desde o presente. 

Ser Noutras achéganos á arte galega que atesoura a colección do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía a través de 18 diálogos artísticos, onde estas obras, asinadas por figuras como as de Maruja Mallo, Virxilio Viéitez, Julia Minguillón, Berta Cáccamo, Elena Colmeiro, Francisco Leiro, Menchu Lamas ou Xurxo Lobato, se reflicten (son) noutras pezas, moitas delas inéditas, creadas para este proxecto por nomes como os de Marta Pazos, Chelo Matesanz, Julia Huete, Xisela Franco, Lois Patiño, Jacobo Bugarín, Yoseba MP ou Rodríguez-Méndez.

Verónica Santos e Chus Martínez

Verónica Santos Farto é licenciada en Historia da Arte Moderna e Contemporánea e Historia, Xeografía e Historia da Arte de Galicia pola USC; máster en Xestión de Bens Culturais e Patrimonio pola Universidade da Coruña e Posgrao en Museoloxía Moderna polo centro Liceus e Universidade de Alcalá de Henares. Realizou as tarefas de coordinación de proxectos expositivos e didácticos da Fundación Cidade da Cultura entre 2011 e 2025, ano desde o que é a directora de Acción Cultural desta institución. Para o Museo Centro Gaiás comisariou exposicións como Ser Noutras. Diálogos coa colección de arte galega do Museo Reina Sofía xunto a Chus Martínez (2026-27), Pensar coas Mans. Cerámica, cestería e xoiería de Galicia (2019) e Traballo en equipo. 30 anos de CGAC xunto a Santiago Olmo en 2023.

Chus Martínez Domínguez é licenciada en Historia da Arte e especialista en artes visuais contemporáneas. Desenvolve unha traxectoria que integra comisariado, crítica de arte e xestión cultural, cunha atención específica ás prácticas artísticas actuais e ao contexto galego. No comisariado, desenvolveu proxectos expositivos en destacadas institucións galegas, articulando propostas centradas en narrativas críticas e investigacións curatoriais arredor da práctica das artistas, como as individuais de Chelo Matesanz e Loreto Martínez Troncoso no CGAC, Beatriz Lobo en Cidade da Cultura ou o ciclo anual Problemáticas no MARCO. Desde 2023 coordina o Espazo Arte na Feira de Industrias Culturais Culturgal, e desde 2026 é directora da Fundación Pública Galega Camilo José Cela.

Gaiás inspira

A actividade encádrase na liña de programación Gaiás_Inspira, que abrangue diferentes actividades divulgativas, lúdicas e didácticas ao redor das exposicións do Museo Centro Gaiás, dirixidas ben a público adulto, ben a infantil e xuvenil, con propostas innovadoras que converten as salas do Museo nun espazo vivo, aberto á participación do público e á aprendizaxe compartida.