Sabores do Pacífico | Unha viaxe gastronómica a Oceanía con Anna Mayer e Jorge Guitián

Seguro que coñeces o Poké de Hawai pero, probaches algunha vez Ota L’a de Samoa ou Kojoda de Fiji? Este outono, ven descubrir os sabores de Oceanía con Anna Mayer e Jorge Guitián. Especialistas na divulgación da cociña como patrimonio cultural, a dupla Guitián-Mayer acompañaranos nunha viaxe pola gastronomía do outro lado do planeta, sen movernos do Gaiás. 

A actividade combina unha visita especializada á exposición Voces do Pacífico cunha mostra de produtos e unha breve degustación de tres petiscos de diferentes zonas de Oceanía. O eixo da actividade será a evolución ao longo do tempo dunha elaboración culinaria autóctona, para explicar como o contacto con outras culturas e a introdución de produtos foráneos enriqueceron as posibilidades, pero sen restar carácter á elaboración de base. 

Descubriremos como as culturas do Pacífico foron quen de desenvolver unha gastronomía propia que cubría as súas necesidades nutricionais básicas partindo dos escasos recursos naturais dispoñibles, dos que tiveron que aprenden a tirar o máximo proveito posible, tal como aconteceu noutros ámbitos da súa cultura. 

Anna Mayer

De orixe italiana, estudou filosofía en Venecia e hostelería en Sevilla. Desde 2010 desenvolve actividades formativas e divulgativas arredor da cociña como feito cultural, asesora a marcas e colabora con restaurantes e empresas do sector. Impartiu charlas e obradoiros en máis de 30 cidades por toda España, foi responsable da programación de obradoiros de cociña da Aula de Cociña do Mercado de Abastos de Santiago de Compostela e participou en diversos encontros sectoriais como Galicia Fórum Gastronómico, GastroAlicante, Gastrollar (Asturias), etc., ademais de impartir docencia no GASMA, centro universitario de formación gastronómica adscrito á Universidade San Pablo -CEU, en Castellón.

En paralelo, desenvolve unha ampla actividade como autora de textos e receitas para medios como El Comidista (Grupo El País) e Directo al Paladar e prepara o seu primeiro libro coa editorial Cincotintas, centrado na cultura do almorzo na Península Ibérica (previsto para o ano 2027), e escribe a newsletter Panepanna, una das newsletter en español sobre gastronomía con máis seguidores na actualidade.

Jorge Guitián

Historiador da Arte especializado en xestión do patrimonio cultural, traballa con gastronomía desde o ano 2009. Premio Nacional de Xornalismo Gastronómico Álvaro Cunqueiro e Premio Nacional de Gastronomía como parte do equipo da revista CN Traveler, desenvolve unha intensa actividade formativa e divulgativa en congresos especializados. Imparte clases no Máster de Comunicación Gastronómica do Basque Culinary Center (Universidade de Mondragón, San Sebastián), no GASMA, centro de formación gastronómica adscrito á Universidade San Pablo-CEU (Castellón), no Instituto Galego do Viño e The Foodie Studies. 

É crítico da Guía Repsol e o xornal La Vanguardia, escribe en Directo al Paladar e a revista CN Traveler e colabora esporádicamente coa revista Tapas, co portal Vinte ou co xornal El País. É autor dos libros De Lentejas e Caviar (Ed. Col&Col) e Comer con Los Ojos (Ed. Espasa), coordinou o libro Escribir Gastronomía (Ed. Col& Col, 2025), e a finais de novembro de 2026 publicará o libro La Empanada Gallega.