Visitas didácticas | Curso 2022-2023

Co arranque do novo curso escolar, a Cidade da Cultura actualiza a súa oferta didáctica cun completo programa de visitas presenciais e cinco quendas horarias a escoller. As tres grandes exposicións que o Museo Centro Gaiás abre este outono protagonizan a oferta educativa para os centros de ensino, no que non faltan tampouco as visitas comentadas para coñecer a arquitectura e a contorna natural do Gaiás, dispoñible durante todo o curso escolar.

Visita á exposición Foi un home. Laxeiro en América (Buenos Aires, 1950-1970)

  • Datas: do 29 de setembro ao 18 de decembro de 2022
  • Niveis educativos: Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato, FP e Universidade
  • Duración da visita: 50 minutos

Nesta exposición profundaremos no universo artístico do xenial pintor da vangarda galega, José Otero Abeledo, mais coñecido como Laxeiro. O satírico, o grotesco e o esperpéntico están presentes no seu particular trasmundo. Imos somerxernos no seu imaxinario, nun universo de carautas, cabezudos e trasnos para vivir unha aventura na que nos sentiremos parte desa caterva de seres estraños que habitan na fascinante obra de Laxeiro.

Visita á exposición De lugares e cousas. Colección de arte Banco Sabadell

  • Datas: do 18 de outubro 2022 ao 26 de febreiro 2023
  • Niveis educativos: Primaria, ESO, Bacharelato, FP e Universidade
  • Duración da visita: 60 minutos

De lugares e cousas é unha exposición da colección de arte contemporánea do Banco Sabadell onde o alumnado descubrirá autores de primeira orde do panorama internacional, nacional e galego como Tàpies, Chillida, Esther Ferrer, Antón Patiño e Cristina Iglesias entre outros.

Pintura, escultura, instalación, fotografía e vídeo-arte vanlles axudar aos rapaces e rapazas a entender a arte dun xeito lúdico e a rachar con falsos clixés reconvertidos nas recorrentes preguntas-acusacións: Por que un cativo de cinco anos non puido ter feito isto? Estanme a tomar o pelo? Será toda unha oportunidade de facerlle perder o medo á arte contemporánea ás xeracións máis novas.

Visita á exposición Camiños creativos

  • Datas: Do 10 de novembro 2022 ao 09 de abril 2023
  • Niveis educativos: Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato, FP e Universidade
  • Duración da visita: 60 minutos

Que teñen en común a obra de Maruja Mallo e a de John Constable? En que se parece un Turner a unha performance de Marina Abramovich? Que quere contarnos Cartier Bresson nas súas míticas fotografías? Nesta visita descubriremos como o desprazamento é un elemento creativo común para estes célebres artistas. 

Camiños creativos nace dun intento de explorar cal é a relación entre a arte e o movemento e, máis concretamente, cales son as dinámicas entre estes dous conceptos: como o desprazamento se integra como axente determinante no proceso artístico (camiñar para crear, camiñar e crear, crear camiñando ou crear porque se camiña).

Nós tamén camiñaremos co alumnado durante a visita, emulando os e as artistas da mostra, empregando esta práctica para espremer toda a nosa creatividade mentres coñecemos unha das mais importantes exposicións que se poderá ver en Galicia neste 2022.

Visita 'Gaiás: arquitectura e natureza'

  • Visita dispoñible todo o ano
  • Niveis educativos: Primaria, ESO, Bacharelato, FP e Universidade
  • Duración aproximada: 50 minutos

Familiarizar á comunidade educativa co apaixonante mundo da arquitectura é o obxectivo principal destas visitas educativas. Descifraremos o código destes edificios a través dun percorrido ideado para profundar no proxecto construtivo de Peter Eisenman e a súa relación coa contorna paisaxística e natural na que se atopa.

A visita inclúe a análise das maquetas da Cidade da Cultura, o vestíbulo do Museo Centro Gaiás, o Xardín Literario coas súas espectaculares vistas sobre a cidade de Santiago, o edificio da Biblioteca e Arquivo de Galicia e as Torres Hejduk dende o exterior.