Viquingos. Unha ollada desde Galicia | Museo do Mar | VIGO

Viquingos. Unha ollada desde Galicia achega ao Museo do Mar un amplo retrato da pegada histórica que as incursións nórdicas legaron a Galicia. Trátase dunha exposición que supera os estereotipos para afondar nun pobo, o viquingo, de complexa estrutura  social e cultural. A mostra, conformada por 75 pezas, amosa, ao xeito dos calidoscopios, os múltiples reflexos establecidos por dous pobos e por dúas historias que se enguedellaron entre os séculos IX e o XII: a cultura viquinga, nórdica e conquistadora, e unha Galicia á que os invasores se referían naquela altura como Jakobsland (Terras de Santiago), lugar no que se custodiaban cobizados tesouros e inimaxinables riquezas.

Viquingos. Unha ollada desde Galicia lévanos máis alá das ideas preconcibidas que arrodean a idiosincrasia viquinga —moito máis complexa que a imaxe tópica de pobo saqueador—, e a súa pegada na memoria popular galega, anegada de lendas, tradicións e mitos vencellados ás incursións procedentes das augas bálticas.

A mostra nace como extensión natural de Unha vida viquinga, a exitosa exposición que acolleu en 2024 a Cidade da Cultura de Galicia, cun obxectivo ben concreto: comprender dende o aquí e agora a herdanza que a cultura viquinga nos deixou.

O relato expositivo que agora acolle o Museo do Mar de Galicia inclúe un conxunto de pezas históricas e arqueolóxicas do Museo de Gotland (Suecia), do Conxunto Arqueolóxico de Madinat al-Zahra (Córdoba), e de diversas institucións galegas, como o Museo Provincial de Pontevedra, o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense ou o Museo das Peregrinacións e de Santiago, entre outras.