Tiradas de ata 70.000 exemplares. Unha rede de máis de 400 correspondentes en Galicia e Latinoamérica. Case 800 números publicados. Este é o resumo en cifras do que foi Vida Gallega, a revista ilustrada de maior tirada, lonxevidade e influencia social do seu tempo. Agora, no 115 aniversario do prelo do seu primeiro número, a Biblioteca de Galicia decide conmemorala coa mostra Vida Gallega. Unha viaxe ilustrada, que resulta nun paseo a través do que entender a sociedade galega do século XX.
Fundada por Jaime Solá, antes de lanzar o primeiro número en 1909 xa contaba con 14.000 subscritores. A revista converteuse ao longo dos anos na ventá e vehículo transmisor e impulsor da riquísima actividade social e cultural que xeraba Galicia, e que tiña o seu principal mercado nos galegos emigrados ao outro lado do Atlántico. De corte conservador e rexionalista, Vida Gallega aglutinou ao longo do tempo publicacións de todos os intelectuais da época. De feito, a portada do primeiro número, que se pode ver na exposición, é unha ilustración de Castelao cando tan só tiña 22 anos.

Fotografía, ilustración, artigos de todo tipo e unha publicidade do máis expresiva son os catro piares da revista e nos que se sustenta o discurso expositivo para achegarnos á sociedade galega da época. Unha das claves do seu éxito, tal como deixa plasmado o director da primeira etapa, Jaime Solá, nun dos moitos artigos nos que se dirixe en primeira persoa aos seus lectores para facelos partícipes da evolución da propia publicación, é a de servir de ponte entre a Galicia territorial e a Galicia emigrada. Vida Gallega distribuíase en toda a Península, en territorios de ultramar (Montevideo, A Habana, Bos Aires, Nova York), así coma nos transatlánticos ancorados no Porto de Vigo e os seus lectores eran, na súa maioría, de clase alta. A revista custaba naquel momento unha peseta, que era unha cantidade de diñeiro importante na época. Un xornal, por exemplo, custaba cinco céntimos e unha xornada de traballo cobrábase entre 1,5 e 3,5 pesetas.
Unha revista para entender a sociedade galega do século XX
Vida Gallega nace en 1909 e mantense activa ata 1938, momento no que a Guerra Civil interrompe a súa publicación. Case dúas décadas despois, José Iglesias Presa será o encargado de recoller a súa testemuña. Tras adquirir os dereitos de Vida Gallega á viúva de Solá, en novembro de 1954 comeza a segunda etapa da revista, que durará ata a primavera de 1963.
| Na mostra, comisariada polas bibliotecarias da Biblioteca de Galicia Ángela García Núñez e Charo Alonso Cerdeiras, pódense atopar números da revista nos que se debate sobre o uso do galego, en cartas abertas entre Solá e Risco, Diéguez e Noguerol. A pesar de que a publicación estaba maioritariamente en castelán, había persoas, como eles, que si publicaban en galego. A exposición deixa entrever que, a pesar de que os artigos escritos eran de corte conservador, a ilustración deixaba máis espazo á crítica, o que se pode observar nalgunhas portadas que Castelao, Álvaro Cebreiro ou Padín realizaron ao longo dos anos de vida da revista. | ![]() |
O discurso expositivo tamén explora de xeito transversal en todas as vitrinas o papel da muller na sociedade a través de artigos, fotografías e anuncios. Na primeira etapa de vida da publicación, pódense ver a mulleres participando activamente en distintas actividades: dende pianistas, pasando por equipos de deporte feminino e ata unha muller, Mercedes Corominas, que mostraba como funcionaba un globo aerostático. Con todo, durante a ditadura, as mulleres quedan relegadas a un rol de coidadoras, sempre ao servizo da familia.

A mostra tamén amosa unha visión moi particular da emigración. Grandes publireportaxes da industria galega na diáspora, así como narracións sobre a vida dos veciños e veciñas que tiveron que partir, sempre tinguidas dun ton nostálxico e de anhelo cara a terra. Deste xeito, a través das publicacións da revista, Vida Gallega. Unha viaxe ilustrada articula un relato ao redor da evolución da sociedade do século.
Todos os números expostos pertencen á colección da biblioteca, que nos últimos meses se viu incrementada polas doazóns do particular Fernando Herce Meléndrez e da Biblioteca Pública de Sada. Como complemento das pezas físicas, a exposición conta coa interpretación gráfica que a ilustradora Rosa de Cabanas fixo desta publicación, que posúe múltiples lecturas e que se converteu nun referente para a investigación da sociedade galega.














