Sempre palpitante. Emilia Pardo Bazán

A través de 60 pezas organizadas en seis seccións diferentes, a exposición 'Sempre palpitante. Emilia Pardo Bazán' presenta na Biblioteca de Galicia un percorrido que achega á cidadanía exemplares das obras máis coñecidas da intelectual galega, como unha primeira edición da súa primeira novela, publicada en 1879, Pascual López: autobiografía de un estudiante de medicina, ou títulos como La Tribuna (1882), ademais de Los Pazos de Ulloa, que saíu á luz en Barcelona en 1886 xa na súa etapa de madurez como escritora.

Na súa faceta de crítica literaria a mostra recolle a cuarta edición, de 1891, de La cuestión palpitante, unha recompilación dos seus artigos de prensa con prólogo de Clarín. Tamén se poden observar distintos ensaios que se deron a coñecer baixo o paraugas da colección Biblioteca de la Mujer, que a mesma Pardo Bazán dirixiu entre 1892 e 1917. Un matrimonio del siglo XIX, o seu primeiro conto publicado, é unha das pezas que ilustran o seu legado neste xénero. Ademais, completan a exposición biografías sobre a figura da intelectual como as de Isabel Burdiel ou Gómez de la Serna, obras ao redor da súa correspondencia como son as cartas a Pérez Galdós, ou estudos entre os que atopamos o libro da profesora francesa Nelly Clemessy, que elaborou a primeira tese doutoral que se fixo sobre Emilia Pardo Bazán.

Emilia Pardo Bazán (A Coruña, 1851-Madrid, 1921) foi unha intelectual humanista de alcance internacional, que viviu nunha época convulsa, de profundos cambios sociais, políticos e culturais. No século XIX ten lugar a incorporación da muller á creación literaria. Non é casualidade que as escritoras españolas máis sobresaíntes fosen galegas: Rosalía de Castro, Concepción Arenal ou Emilia Pardo Bazán.

Obra dixitalizada: micrositio dentro de Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia

Ademais desta exposición, a Biblioteca de Galicia vén realizando un importante traballo de difusión do legado de Emilia Pardo Bazán coa dixitalización de 75 das súas obras. Un labor que avanza coa edición en formato ePub de 12 dos seus títulos máis significativos (xa hai 7 rematados), como son El príncipe Amado, La Tribuna ou Novelas ejemplares. Esta transformación a dixital de parte da obra de Emilia Pardo Bazán está dende agora dispoñible para o público nun novo micrositio dentro de Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia.

 

 

 
Exposicións
 
1 Abr - 7 Ago 2022
De luns a domingo | De 10 a 20 h
8 Abr - 28 Ago 2022
De martes a domingo | De 10 a 20 h
5 Mai - 28 Ago 2022
De luns a domingo | De 10 a 20 h
20 Mai - 4 Set 2022
Museo do Mar de Galicia | Vigo
20 Mai - 20 Xul 2022
De martes a domingo | De 11 a 14 h e de 16 a 21 h
07 Xuñ - 4 Set 2022
De martes a domingo | De 10 a 20 horas
1 Xul - 18 Set 2022
ENTRADAS XA Á VENDA
Do 16 Xuñ ao 13 Xul
De 10.00 a 20.00 horas
17 Xuñ - 30 Xul 2022
Luns - Sábados | 12.00-14.00 e 17.00-21.00 h