Rafael Úbeda. Visión retrospectiva

Rafael Úbeda leva pintando sete décadas. A exposición Úbeda. Visión retrospectiva abrangue unha ollada completa da súa traxectoria creativa, afondando nos fitos máis relevantes da súa obra e das pezas representativas que marcaron cada etapa do camiño. 

 

O artista, logo de sete décadas en activo, representa unha parte da historia da arte que enriquece o patrimonio de Galicia, así como unha das figuras das artes plásticas máis notables en España con conexións en diferentes lugares e escolas de Europa.

Esta mostra supón un relato pictórico que ten en conta as súas etapas vitais, moi vencellada aos lugares nos que habitou (Pontevedra, Madrid, Holanda e Italia). A exposición propicia unha viaxe polo universo e a biografía dun creador que representa un dos nomes principais da pintura galega. Así, o Museo Centro Gaiás reúne nesta mostra 56 pinturas, cinco debuxos e unha peza audiovisual inédita que axuda a comprender a súa evolución.

Úbeda desprega a súa vida en chave puramente artística e a súa obra pode entenderse como a construción dunha paisaxe interior- exterior que reflicte lugares, tempos e xentes. Cun expresionismo case violento procura, a través da pintura, coñecer o verdadeiro camiño. A súa obra non se entrega ao que sucede de súpeto, senón que medita sobre todo o que lle acontece e déixase impregnar polo que o emociona nun proceso lento, proxectando este pouso na súa pintura. Na exposición tamén se reflicte a gran importancia que a música tivo na vida do artista, converténdose nun elemento recorrente ao longo da súa obra.

Ademais, a mostra abarca o carácter mural da súa pintura, que se manifesta nos grandes formatos que cultiva. A tendencia a estes grandes lenzos vén avalada por numerosos proxectos que desenvolveu para edificios públicos.

Sobre o artista

Rafael Úbeda nace en Pontevedra en 1932. En 1956 viaxa a Madrid co fin de iniciar estudos na Escola Superior de Belas Artes de San Fernando, licenciándose nas especialidades de Pintura, Gravado e Mural. En 1961 trasládase a Holanda para completar estudos de pintura e gravado na Hoger Akademie St. Joos de Breda. En 1965 obtén o Gran Premio de Roma na modalidade de Paisaxe, única praza, e traslada o seu obradoiro á capital italiana por un período de catro anos. Traballa en proxectos escenográficos nos estudos de Cinecittà xunto ao profesor Montori; coñece ao director de cine Federico Fellini e ao actor de comedias Totó.

Ao longo da súa traxectoria levou a cabo numerosas exposicións en museos, fundacións, galerías e institucións vinculadas á arte contemporánea en Europa, Asia e América. É doutor en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid, académico de número da Academia de Belas Artes de Galicia e tamén exerceu a docencia como profesor de pintura na Facultade de Belas Artes de Saint Jordi (Barcelona), de debuxo na Real Academia de Belas Artes de San Fernando (Madrid), de debuxo e gravado na Facultade de Belas Artes de La Laguna (Tenerife) e foi titular de debuxo na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Na actualidade continúa coa súa actividade creadora nos seus estudos de Madrid e Samieira (Pontevedra).

A comisaria: Pilar Corredoira

 

Licenciada en Historia da Arte pola Universidade Central de Barcelona, comisaria de exposicións e investigadora no eido da arte galega dos séculos XX e XXI. Inicia a súa andaina profesional a principios dos oitenta formando parte como comisaria dun ciclo de nove exposicións sobre artistas de vangarda de Galicia na Galería Sargadelos de Barcelona (1983) e realizando unha estadía na Fundación Miró da mesma cidade entre 1983 e 1984.Tras unha longa traxectoria desenvolvida no campo das artes plásticas, o seu labor viuse reflectido na área da xestión e o asesoramento a institucións, empresas ou espazos públicos e en numerosos comisariados en Galicia, Europa e América.

Ademais, na actualidade forma parte dos padroados da Fundación Xaime Quesada Blanco e Fundación Vacan e colabora no Diario de Madrid como crítica de arte, labor esta que comezou en 1982 en diversos xornais e revistas nacionais e internacionais. Algunhas das súas actividades dedicadas ao labor curatorial son as seguintes exposicións: Reimundo Patiño, Centro de Cultura Contemporánea Condeduque, Madrid (1986); VIII Bienal Internacional de Pontevedra (1988); Galicia Tradición e Deseño no Design Center Stuttgart, (Alemaña 1991); as antolóxicas de Maruja Mallo no CGAC, en Santiago, e no Museo Nacional de Belas Artes de Buenos Aires, nos anos 1993 e 1994; Itinere no CGAC (1994); Arquitecto Antonio Palacios no Museo de Belas Artes da Coruña e na Casa das Artes de Vigo (1998); Eugenio Granell no paraíso centroamericano, no Auditorio de Galicia (2012); O universo de Xaime Quesada, no Museo de Pontevedra (2020) ou Castillo, escultor, no Museo Centro Gaiás (2021).