Plastic biontes é unha intervención nas Torres Hejduk que pretende un diálogo, a través do lixo, entre a Cidade da Cultura e a cidade de Santiago. As torres como faros, como puntos de referencia social, como símbolos que unen a historia, a memoria e a posibilidade dun futuro aínda por imaxinar e construír.
Plastic biontes reflexiona sobre os límites entre o "natural" e o artificial, cada vez máis difusos, e na interdependencia das formas de vida. Propón unha mimese entre o existente e o novo, nesas simbioses que nos axudan a imaxinar formas de vida futura, a prestar atención ás ameazas pero que tamén nos interpelan a imaxinar formas de adaptación, colaboración e resiliencia.
Ambas intervencións empregan restos de materiais que proveñen das cadeas de produción industriais de empresas próximas, reutilizándoos e resignificándoos para transformar a pel das torres. Un xogo entre o visible e o invisible.
Recuperar a imaxinación, o poder de observación, do próximo, do que existe ao noso arredor pero que é invisible aos ollos. Facer visible a abundancia axúdanos a entender quen somos.

Crisálida (Torre de cristal)
Intervención con filme transparente, hiperpresente na nosa cotiandade e símbolo do sobre envasado de todo tipo de materiais, mercadorías ou mesmo alimentos. A súa transparencia é un reflexo da necesidade das cousas intactas, protexidas, limpas, asépticas… pero ao mesmo tempo un dos maiores causantes da presenza de micro-plásticos en todas as contornas acuáticas terrestres.
Lique (Torre de Granito)
Intervención con bolos de plástico (restos da extrusión de plástico, técnica de fabricación de alta produción que implica a fusión homoxénea dun material termoplástico) emulando os liques que tan comunmente crecen nas pedras das cidades, que se abren paso nas paredes de rocha e modifican a súa cor e a súa textura. Unha colonización inversa, —o plástico tomando o lugar do lique, algo vivo, resistente, simbiótico— e do intento do plástico de “sandar” ou cubrir o mineral, cando en realidade o contamina. Liques de plástico que suturan o granito.
Basurama
Basurama é un colectivo dedicado á investigación, creación e produción cultural e medioambiental que explora os procesos produtivos, os refugallos que xeran e as posibilidades creativas que que suscitan estas conxunturas contemporáneas. Fundado en 2001, busca estudar fenómenos inherentes á produción masiva de lixo real e virtual na sociedade de consumo, achegando novas visións que actúen como xeradoras de pensamento e actitude. Basurama non só se interroga sobre a nosa forma de explotar os recursos, senón tamén sobre a nosa maneira de pensar, traballar e percibir a realidade.
Ao longo de dúas décadas, Basurama consolidouse como un espazo pluridisciplinar no que conviven artes visuais, obradoiros, instalacións, concertos, publicacións, relatorios e accións efémeras cun enfoque común: xerar novas formas de relación co entorno. Ademais, serve como plataforma de encontro entre axentes sociais de diferentes campos, fomentando a colaboración creativa horizontal.
Con sede en Madrid, Basurama realizou máis de 150 proxectos en máis de 40 países, colaborando con institucións como o Museo Reina Sofía, a Casa Encendida ou o Victoria & Albert Museum. O seu traballo foi recoñecido con galardóns internacionais de prestixio como o premio Artista Comprometido da Fundación Daniel e Nina Carasso ou o Curry Stone Social Design Circle
| 1.09 MB | ||
| 1.32 MB |













