Os brancos segredos do seu ventre

Os brancos segredos do seu ventre amosa unha escolma de 53 de obras procedentes da Fundación Rac realizada por Bea Espejo, comisaria deste novo proxecto do Museo Centro Gaiás e supón exhibir por vez primeira en Galicia, fóra da súa sede en Pontevedra, unha selección desta colección, unha das máis importantes en Galicia de arte contemporánea.

A Fundación RAC, situada en Pontevedra, fundada por Carlos Rosón, atesoura máis de trescentas obras de 170 artistas, entre os que se atopan algúns dos nomes máis relevantes da creación actual, tanto nacional como internacional. Declarada de Interese Galego pola Xunta de Galicia, esta colección é unha das máis relevantes de España no eido da arte contemporánea. O traballo da Fundación Rac na conservación e promoción da creación artística fíxoa merecedora de galardóns tan relevantes como o Premio Arte e Mecenado da Obra social "la Caixa" no ano 2018, distinción de referencia coa que se premia o compromiso privado co sistema artístico.

Bea Espejo opta para este proxecto por una reflexión sobre a cor, un dos temas nos que pon o foco a colección, cunha selección cromática que arranca co branco e acaba co negro, á vez que se inspira no propio arquitecto da Cidade da Cultura, Peter Eisenman, quen a través das páxinas da obra mestra de H. Melville, Moby Dick, imaxinou para o Gaiás un museo con “esqueleto de cetáceo” e por cuxo ventre branco esta exposición provoca que a arte despregue o seu universo de cores. En concreto, a comisaria extrae o título dunha das pasaxes do capítulo 42: Os brancos segredos do seu ventre. Trátase dunha metáfora visual que encaixa perfectamente coa idea de viaxe e coñecemento encerrado que ten de seu a obra de arte. Tamén revela os segredos que pode albergar un museo no seu interior.

Deste xeito, na mostra exhíbense obras de recoñecidos artistas internacionais da arte contemporánea, como son Tracey Moffatt, Juliâo Sarmento, John Baldessari, Joseph Beuys, Tacita Dean, Roman Signer, Sofía Táboas ou Ernesto Neto.

Nesta escolma non faltan artistas españois con repercusión internacional, como Ignasi Aballí —autor do proxecto que representará a España na vindeira Bienal de Venecia — Carmen Calvo, Eulalia Valldosera ou Pepe Espaliú.

En canto a presenza de galegos, é importante na colección de Carlos Rosón a incorporación de obras de Diego Santomé, presente no Museo Gaiás xunto a pezas de Rosendo Cid, Marcos Covelo, Sara Coleman e da recoñecida Ángela de la Cruz, Premio Nacional de Artes Plásticas e candidata aos Turner, os premios de arte máis coñecidos e prestixiosos do Reino Unido que outorga anualmente a Tate de Londres .

AS DEZ OBRAS DESTACADAS POLA COMISARIA

Bea Espejo fai unha seleccion de dez pezas da mostra para axudar a percorrer esta escolla cromática. Só hai que premer nesta ligazón.

 

A COMISARIA

Bea Espejo é crítica de arte e comisaria. Licenciada en Historia da Arte pola Universidade de Barcelona e Máster en Crítica de Arte e Comunicación pola Universidade de Xirona, é a directora de I Programa de Artes Visuais Madrid45 da Comunidad de Madrid e a responsable de arte do suplemento Babelia de El País. Traballou na xestión e o comisariado de exposicións, a próxima o próximo maio en Azkuna Zentroa, en Bilbao, cunha ampla revisión do traballo de Ana Laura Aláez. Formou parte do equipo da galería Estrany-la Mota (Barcelona) e de Urroz Proyectos (Madrid), e desde o 2000 publica en diversos medios especializados e catálogos de exposicións. Entre as mencións ao seu traballo destaca o premio GAC 2017 á crítica de arte. O seu próximo proxecto curatorial levaraa, xunto a Ignasi Aballí, ao Pavillón de España da Bienal de Venecia de 2022.

 

O PRESIDENTE DA RAC

Carlos Rosón é o presidente da Fundación Rosón Arte Contemporánea (RAC) desde a súa creación en 2007 é arquitecto de formación e grande afeccionado á arte desde novo. A súa colección, da que amosamos nesta mostra unha escolma, comezouna en 1993, obtendo o Premio da Fundación ARCO ao Coleccionismo Nacional Corporativo no ano 2009. Pertence a organizacións e institucións vencelladas coa arte contemporánea como membro; do Padroado do CGAC, da Asociación de Coleccionistas Privados de Arte Contemporánea 9915, do Instituto de Arte Contemporánea e do Padroado da Fundación ENAIRE e tamén é membro do Comité Asesor da Fundación ARCO. Docente en másters sobre arte, museoloxía e crítica contemporánea e na UIMP de Santander (2015), ten tamén comisariado exposicións, ademáis de exercer de asesor de coleccións de arte e ter sido xurado de artes plásticas

 

 
Exposicións
 
29 Nov 2023 - 28 Abr 2024
De martes a domingo | De 10 a 20h
5 Dec 2023 - 19 Mai 2024
22 Mar — 4 Ago 2024
De martes a domingo | De 10 a 20 h
Xul 2024 — Xan 2025
De martes a domingo | De 10 a 20 h