O Hall de Tirantes, no Andar 0 do Museo Centro Gaiás, convértese neste Nadal nun paraíso de inverno, onde a maxia propia destas datas e o Camiño de Santiago van da man. Así, atoparemos globos de neve a escala humana con varios elementos representativos do Camiño de Inverno no seu interior, e poderemos xogar a descubrir as cidades, monumentos e paisaxes emblemáticas da Ruta Xacobea. Os globos de neve, entre os que poderán pasear os visitantes como quen se somerxe nun bosque, representan un camiño invernal cunha paisaxe máxica, ambientada tamén con bólas de luz que fan deste peculiar traxecto unha experiencia aínda máis especial. A árbore de Nadal, elemento principal do espazo, contará cunha decoración na mesma liña da instalación, con bólas transparentes que agochan no seu interior diferentes lugares e imaxes do Camiño. A instalación, titulada O marabilloso Camiño de Inverno, é obra da deseñadora e artista galega Ana Inés Jabares-Pita.
O marabilloso Camiño de Inverno pode visitarse de 10 a 20 horas ata o día 6 de xaneiro de 2022. As familias que se acheguen ao museo poderán xogar a identificar as etapas do Camiño de Inverno que gardan no seu interior os globos de neve e trazar a ruta correcta a seguir, como se fosen peregrinos dentro desta paisaxe máxica. Esta variante do Camiño Francés entra en Galicia por Ponferradas, evitando as neves do Cebreiro e continúa seguindo o curso natural do río Sil pola cormarca de Valdeorras, o sur da provincia de Lugo e o Deza ata chegar a Compostela.
Equipo creativo
Ana Inés Jabares-Pita - Concepto e deseño
Deseñadora e escenógrafa galega, desenvolve o seu traballo a nivel internacional, na ópera, danza, teatro, cine e exposicións. Ten unha extensa formación musical e un gran interese polas novas tecnoloxías como parte do proceso de deseño. Gañadora de varios premios, entre eles o premio Linbury de deseño escénico en 2013 polo deseño de The Driver’s Seat para o National Theatre of Scotland, que incluía escenografía, vestiario e vídeo. Actualmente está a deseñar a ópera The Wreckers por Ethel Smyth para Glyndebourne no Reino Unido. Nos últimos meses estivo traballando como escenógrafa para a ópera Breaking The Waves de Missy Mazzoli, dirixida por Melly Still para o teatro St. Gallen (Suiza) e no mes de outubro debutou no West End de Londres coa obra Pride and Prejudice* (*sort of) no famoso teatro Criterion en Picadilly Circus. Traballa coas compañías mais prestixiosas do Reino Unido, incluíndo English National Opera, Royal Court Theatre, Young Vic, Royal Shakespeare Company, Headlong, Birmingham Repertory Teatro, Royal Lyceum, Gate Theatre, National Theatre of Scotland e museos como Dulwich Picture Gallery e V&A. Os seus deseños víronse internacionalmente en Italia, Dinamarca, Alemaña, Canadá, España, Australia e Estados Unidos. Despois de anos no estranxeiro, Ana Inés Jabares-Pita retorna a casa este Nadal para ofrecernos este Marabilloso Camiño de Inverno na Cidade da Cultura.
Octavio Mas Ibáñez - Deseño de iluminación
Artista plástico con ampla experiencia como iluminador, escenógrafo e director técnico, en diferentes disciplinas das artes escénicas: ópera, concertos, teatro, danza ou performance. Estudou na escola de Artes e Oficios de Vigo e trasladouse en 1989 a Santiago, onde compaxinou os seus estudos de Fotografía na Escola Mestre Mateo, co seu traballo en iluminación na TVG. No ente público exerce durante 7 anos, e posteriormente participa en rodaxes de cine e publicidade, con produtoras como: Peymar SL, CTV, Faro S.A., RTVE, etc... ao tempo que comeza o seu traballo como iluminador e escenógrafo de artes escénicas para diferentes compañías de teatro, danza e grupos musicais. Formase en dramaturxia nos cursos do Centro Dramático Galego, así coma en diferentes encontros, congresos e conferencias, e de un xeito mais directo, na súa ampla colaboración, de mais de 30 anos, con diferentes dramaturgos a nivel nacional e internacional. Os seu estilo caracterízase por unha evolución cara á creación máis contemporánea, así como pola dirección técnica na implantación e manexo das súas instalacións.
Alicia Martínez Núñez - Asistente de deseño
Graduada e máster en Arquitectura pola Universidade da Coruña. Realizou estudos de fotografía e dirección de arte en escolas como IDEP Barcelona, TRIS Montevideo, Central Saint Martins School en Londres ou Congo Films en Bogotá. Desde 2016 traballou en diferentes proxectos que abranguen desde a arquitectura, a fotografía, a escenografía, o deseño de iluminación ou a xestión cultural, para profesionais e institucións como a Consellería Cultural da Embaixada de España en Colombia, as compañías Spheron Architects e Mindseye Lighting, a directora de arte Estefanía Larraín, a deseñadora de escena Ana Inés Jabares-Pita ou o HAY Festival of Literature & Arts do Reino Unido.
Masako Hattori - Deseño vídeo-arte
Nada en Xapón. Licenciada en Artes plásticas polo Colexio de Arte de Kyoto e licenciada na Escola Superior de Arte de Aix-en-Provence (Francia) nas especialidades de Vídeo-Arte, Debuxo, Son e Performance. Despois de traballar en Xapón como deseñadora gráfica e profesora adxunta na Universidade de Arte de Kyoto, trasládase a Francia para ampliar os seus estudos de Belas Artes onde se especializa na performance. Na actualidade, ademais das súas instalacións, proxeccións en festivais, performances e o seu traballo de deseño gráfico, colabora con compañías de teatro e danza en Portugal, Bélxica, Francia e España, para as que realiza creacións, performance e vídeo-escenográfico. Crea a súa propia compañía de arte escénica multidisciplinar, KOKOHARUKA en 2017 en Santiago de Compostela.
