O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra é un proxecto expositivo e editorial que retrata as realidades e paisaxes que conforman o itinerario do Camiño Portugués e tece un diálogo entre a fotografía do pasado e as olladas do presente. De Porto a Santiago de Compostela, as paisaxes, a vida nas prazas das aldeas, os monumentos e as escenas cotiás que foron inmortalizadas en séculos pasados volven ser motivo de inspiración baixo unha nova ollada. Trátase, por tanto, dun proxecto que nos brinda a oportunidade de reflexionar sobre o que permanece inmutable e o que se transforma, construíndo unha memoria colectiva do camiño accesible a todas e todos. Tras ser exhibida no Museo Centro Gaiás, en Santiago de Compostela, no Museo do Mar de Galicia, en Vigo, e en Tui entre, chega a Sabarís - Baiona, en xullo de 2025.
O Multiusos Mercado de Sabarís acolle unha adaptación deste percorrido expositivo en 65 instantáneas dunha trintena de fotógrafos e fotógrafas que se aproxima á riqueza paisaxística e monumental deste itinerario histórico para facernos novamente conscientes do seu valor patrimonial e convidarnos a redescubrilo cos ollos de quen o mira por primeira vez. Grandes figuras da arte fotográfica a ambas beiras do Miño e artistas de procedencias diversas que transitaron por este sendeiro préstannos os seus ollos e as súas impresións para que nos embebamos das imaxes e das emocións que asaltan a quen visita cada un deses lugares e as poidamos vestir como unha segunda pel.
Baiona na exposición
Baiona conta cun protagonismo especial nesta exposición, sobre todo pola radiografía emocional que realizou polas súas rúas e recantos o fotógrafo xermano Otto Wunderlich (Stturgart, 1886-Madrid 1975). Este autor alemán, que percorreu España especialmente nas décadas dos vinte e mais dos trinta do pasado século, ficou impresionado pola baía de Baiona e pola súa natureza marítima, así como pola forma de vivir das súas xentes, a quen retratou no seu periplo pola alma da localidade.
As imaxes de Otto Wunderlich da baía de Baiona, dos seus tradicionais soportais e da tradición pesqueira retratan un municipio que, malia a súa plena transformación ao longo das décadas, conserva inmutable a súa estreita vinculación co espírito mariñeiro e co fenómeno das peregrinacións a Compostela.

Baiona, ademais, é un dos puntos de referencia inicial para o Camiño Portugués da Costa, unha ruta a Compostela que supera os 120 quilómetros. Esta variante transcorre polo litoral, achegando paisaxes de grande impacto para os camiñantes, até confluír en Redondela co tronco principal do traxecto portugués. Na mostra poden verse, entre outras imaxes, olladas antigas e contemporáneas do paso desta ruta pola bisbarra do Baixo Miño, o Val Miñor e as terras da fronteira portuguesa, como as que nos achegan Gomes Junior, Roberto de la Torre, Carmenchu Alemán, Antón Buciños, José Suárez ou Nicolás Combarro.
Artistas
O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra convídanos a un diálogo visual entre a fotografía histórica e a contemporánea para movernos á reflexión sobre o tránsito, sobre canto muda e permanece ao longo do tempo.
Entre os estudios e artistas que fotografaron os lugares, os camiños e as xentes de Galicia e Portugal dende o século XIX e que forman xa parte da nosa memoria cóntanse Alberto Marçal Brandão, Artur Pastor, Aurélio da Paz dos Reis, Charles Alberty (LOTY), Estúdios Tavares da Fonseca, Fotografia Alvão, Lda., Jaime Pacheco, José Gouveia Gomes Junior, José Moreira, José Suárez, Nicolás Muller e o xa citado Otto Wunderlich.

Canda as súas imaxes, a exposición inclúe traballos de artistas da fotografía contemporánea que continúan a tecer ese relato con imaxes a unha e outra beira do Miño, como as de Antón Buciños, Blas González, Carla Andrade, Carmenchu Alemán, Eva Díez, Fernando Rey, Iñaki Matilla, Luis Borges, Juan Rodríguez, Luis Vioque, María Meseguer, Miguel Muñiz, Modesto Martínez, Nicolás Combarro, Roberto de la Torre, Tono Arias e Verónica Vicente.
O camiño en palabras
As imaxes dunhas e doutros vencéllanse con referencias literarias de autoras e autores de outrora e figuras relevantes das letras galegas do noso presente que retrataron con palabras ese mesmo camiño e as xentes que o percorreron e o transitan. Entre elas topamos as de Luís de Camões, Miguel de Unamuno, José Augusto Vieira, Antonio da Costa, Catherine Gasquoine, Florbela Espança, Teodosio Vesteiro Torres, L. Conde de Rivera, Victoriano García Martí, Rosalía de Castro ou Emilia Pardo Bazán.
No deseño desa viaxe, a mostra válese do labor imprescindible de diferentes entidades, asociacións, colectivos e particulares implicados na recuperación do patrimonio fotográfico a unha e a outra beira da Raia. É grazas ao seu traballo de catalogación, documentación e conservación, aos seus esforzos e compromiso na preservación da nosa memoria visual, que podemos volver andar estes camiños.
A comisaria: Lucía Laín
Historiadora, comisaria, guionista e documentalista, a súa paixón pola historia da fotografía remóntase aos anos nos que traballa como coordinadora de desenvolvemento e contidos en longametraxes documentais. Deses anos son as súas primeiras incursións nos fondos fílmicos, fotográficos e hemerográficos.
Na actualidade é unha experimentada documentalista que chegou a comisariar máis de doce exposicións: Nocturnas, mientras la ciudad duerme, En la cinta del tiempo, El Rostro de las Letras, Santos Yubero ou La Memoria del tiempo (con Publio López Mondéjar) e a documentar producións audiovisuais como a longametraxe El honor de las Injurias (Carlos García Alix), Morente sueña la Alhambra (José Sánchez Montes), Granados. El último romántico e Nuria Espert. Una mujer de teatro (Arantxa Aguirre) ou Albéniz. El color de la música e Marañón en Toledo de José Luis López Linares, e na escritura de guións como Mariano Fortuny, el universo en una caja.
Exposicición no Museo Centro Gaiás
O Camiño Portugués. Lembranzas de mar e pedra puido verse no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia (Santiago de Compostela) entre o 27 de outubro de 2021 e o 17 de abril de 2022, para a continuación viaxar ao Museo do Mar de Galicia en Vigo, e ao concello de Tui. Este proxecto itinerante e fotográfico contou cun segundo volume, A Vía da Prata. Aires do sur, tamén comisariado por Laín e que viaxou tras a súa apertura no Gaiás por Ourense, Cáceres e Madrid, conformando así unha serie expositiva que se interna nas rutas xacobeas a través da ollada fotográfica. Este díptico expositivo atraeu máis de 50.000 visitas.













