Mulleres artistas: aprendendo o oficio

Ao longo da historia, as mulleres sempre foron relegadas nas marxes da educación artística. Expedientes para o establecemento dunha escola de nenas nos que se especificaba que o interese que existía para que as mulleres aprenderan a debuxar era, unicamente, que puideran despois trasladar a aprendizaxe a labores de bordado, citas nas que se expoñía que as nenas debían sentarse lonxe dos nenos para non distraelas, ou escritos nos que se explicaba que as nenas tiñan que atender a clase polas mañás porque ningún pai querería que a súa filla volvese a casa de noite.

A escaseza de alumnas matriculadas e a súa práctica inexistencia dentro dos cadros de persoal do profesorado demostran as grandes dificultades que tiñan as mulleres para accederen a ensinanzas artísticas. Con motivo do Día Internacional da Muller, o Arquivo de Galicia inaugura a exposición Mulleres artistas: aprendendo o oficio, que reflicte o difícil camiño ao que moitas tiveron que enfrontarse para conseguir o recoñecemento social da súa capacidade creadora, así como o acceso á educación artística.

«Como o que pode estimular máis as nenas e a seus pais para que concorran a academia é dispoñelas para que executen con gusto e propiedade os diferentes bordados, [...] é necesario facerse con debuxos de flores e de adornos».

(Extracto do expediente para o establecemento dunha escola para nenas, 1835)

A mostra exhibe un total de 39 documentos orixinais de entre 1785 e 1962 procedentes dos fondos da Real Sociedade Económica de Amigos do País e a Escola de Artes e Oficios. Informes, regulamentos de funcionamento das escolas, fotografías, láminas utilizadas como modelos para a aprendizaxe do debuxo ou exercios realizados polas alumnas son algúns dos materiais que podemos atopar nesta mostra e que reflicten a situación das mulleres na educación artística en Santiago de Compostela.

Así, malia nas clases altas e medias estar socialmente aceptada a asistencia das mulleres a clases de debuxo, esta ensinanza constituía un elemento máis dunha formación «elitista» non encamiñada ao exercicio profesional. Os comisarios da mostra e técnicos do Arquivo de Galicia, Mar García Miraz e Miguel López Sánchez, sinalan que a moralidade da época excluía ás mulleres das clases de debuxo natural da anatomía, un elemento fundamental dos programas de formación da ensinanza do debuxo.

"A sala de debuxo posúe unha colección de deseños e figuras humanas bastante numerosa e moi apreciable e, aínda que as máis estean espidas e en actitudes non moi decorosas para a exposición do sexo inocente, [...] reunirei as que non deban estar de manifesto para ocultalas naquelas horas cunha cortina"

Extracto do expediente para o establecemento dunha escola para nenas, 1835

Por outro lado, a formación das mulleres das clases traballadoras estaba dirixida a exercer oficios artesanais relacionados, sobre todo, cos encaixes, os bordados ou a moda. Todo isto influíu de forma notable no número de alumnas matriculadas nos centros de formación e na escaseza de mulleres dentro dos cadros de persoal do profesorado.

Elvira Santiso, unha excepción para a época

A exposición tamén conta coa reprodución do cadro Clase de pintura, realizado por Elvira Santiso en 1906 e pertencente á Real Sociedade Económica de Amigos do País, que serve de imaxe da exposición e que deixa constancia da existencia de casos excepcionais.

Elvira Santiso (Betanzos, 1872 - Santiago, 1961) foi alumna de José María Fenollera Ibáñez  pintor español recoñecido polos seus retratos na Escola de Debuxo da Real Sociedade e sucedeu ao seu mestre no seu labor docente. Fixo exposicións en diferentes cidades galegas e tamén en Madrid, Bos Aires ou Montevideo e obtivo diversos recoñecementeos, entre eles a medalla Afonso X o Sabio, precisamente polo seu traballo como mestra.

Mulleres artistas: aprendendo o oficio  céntrase na educación artística recibida polas mulleres a través dos testemuños documentais de dúas institucións fortemente enraizadas na cidade de Santiago de Compostela: A Real Sociedade Económica de Amigos do País e a Escola de Artes e Oficios. En 2024 o Arquivo de Galicia recibiu unha transferencia de fondos documentais de ambas institucións, comprendidos entre os anos 1879 e 1992, grazas á que puido artellar esta exposición e, á vez, poñer en valor a importancia destes documentos para as investigacións en materia de educación.