As miradas de Isaac é a primeira grande exposición sobre Díaz Pardo despois do seu falecemento (5 de xaneiro de 2012) e organizouse facéndoa coincidir co centenario do nacemento (22 de agosto de 1920) co obxecto de situar como merece na historia de Galicia ao responsable de achegas tan relevantes como Sargadelos, o Laboratorio de Formas, Ediciós do Castro, o Instituto Galego de Información ou o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside.
Tras seis meses no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, a exposición comeza o seu programa de itinerancias na Coruña, cidade onde pasou os últimos anos da súa vida Díaz Pardo e tamén a cidade que o acolleu e onde se refuxiou, cando tivo que fuxir de Santiago de Compostela ante o temor de ser represaliado tras o golpe de Estado de 1936, tal e como lle aconteceu ao seu pai, Camilio Díaz Baliño.
E para esta exposición-homenaxe, poucas persoas mellores ca Xosé e Camilio Díaz Arias de Castro, os seus fillos, para guiarnos no relato como comisarios da mostra, que conta con máis de 500 obras de arte, carámicas, fotografías, publicacións, murais, audiovisuais e obxectos persoais para reconstruír na sede de Afundación na Coruña a vida de entrega a Galicia desde a pintura, a cerámica, o deseño, a escritura e a iniciativa empresarial deste personaxe irrepetible.
A través delas analízanse e divúlgase ao home e a súa obra: a importancia do pai –Camilo Díaz Baliño– no desenvolvemento da súa personalidade; a infancia e mocidade compostelá; a faceta de pintor, que deixou unha profunda pegada en todas as súas realizacións; o seu contacto co exilio e o seu compromiso pola recuperación da memoria histórica; o labor como escritor; os emprendementos empresariais, con Sargadelos como insignia das súas realizacións industriais; as iniciativas culturais e investigadoras, entre as que cabe destacar o Seminario de Sargadelos ou o Instituto de Galego de Información; o deseñador industrial que proxectou máquinas, porcelanas, mobles ou Ediciós do Castro; o editor imparable; e finalmente o recuperador –con Luis Seoane– da vangarda artística galega anterior á Guerra Civil, coa posta en marcha do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside.
As miradas de Isaac tamén procura, en definitiva, expresar a excelencia humana de Díaz Pardo, posiblemente un dos personaxe máis homenaxeados, admirados e queridos da historia recente de Galicia.
Videocreación de Cecilia Díaz Betz e Jordi Cussó
A exposición conta cun espazo central vertebrador do resto das seccións, no que se proxecta esta peza audiovisual de creación, dirixida pola fotógrafa e xornalista cultural Cecilia Díaz Betz en colaboración co realizador Jordi Cussó.
Unha videocreación envolvente creada a partir de materiais de arquivo, na que se propón un encontro con Isaac, sendo el mesmo quen nos relata en primeira persoa a súa vida e obra. Unha forma radicalmente diferente de reivindicar e lembrar a figura de Díaz Pardo, máis acorde coa súa propia visión vangardista, na que se quere revivir o seu universo e o seu espírito sempre aberto, tanxencial e polifacético.
