Mes da ilustración na Biblioteca de Galicia | Xosé Tomás

Xosé Tomás será o ilustrador que inaugure en maio o novo ciclo da programación polo décimo aniversario da Biblioteca de Galicia: O mes da ilustración 

Ao longo dunha hora, o ilustrador e profesor Xosé Tomás realizará un percorrido polas partes do álbum ilustrado, analizando a importancia da imaxe como elemento narrativo, complementario ao texto, que pode ser ás veces máis importante incluso que el, cando se trata de público prelector. Levará a cabo pequenos xogos creativos na liña de Rodari, para crear historias visuais a partires de elementos do discurso aleatorios, dará unhas pistas de como crear personaxes dende o punto de vista físico e psicolóxico, e mesmo realizará un experimento para debuxar paisaxes sonoras motivadas pola escoita activa da música.

Combinando o contacto co público presencial coa difusión por streaming, o obradoiro procurará estimular a creatividade dos/as asistentes, que terán que volcar no papel pequenas creacións plásticas.

A Biblioteca de Galicia facilitará aos asistentes presenciais todo o material necesario para poder desenvolver a actividade. Para aqueles que queiran seguir a sesión dende a súa casa, bastará con que teñan a man lapis e papel e ter descargada a seguinte plantilla: Lucy e Tom

BIOGRAFÍA

Xosé Tomás (Betanzos, 1971) é ilustrador, profesor de ensino secundario e actualmente director do CPI Manuel Suárez Marquier de O Rosal (Pontevedra). Ten ilustrado máis de cincuenta títulos de literatura infantil e xuvenil, así como banda deseñada, cartelismo, humor gráfico ou materiais educativos multimedia. Recibiu o premio “Isaac Díaz Pardo”, o “Fervenzas literarias”, o “Frei Martín Sarmiento”, o “Paraugas” ou o “Garelo de Cultura” na súa vila natal. A cotío forma a docentes nos usos didácticos da ilustración e a banda deseñada, e ten impartido accións formativas para alumnado de todas as etapas en Galicia e noutros lugares (Londres, Frankfurt, La Habana, Venecia, …).