A inauguración, de Joel Blanco, foi escollida como proposta gañadora do Concurso de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk, convocado entre os e as creadoras participantes no XII Encontro de Artistas Novos, EAN12. O proxecto, que se inaugurará coincidindo coa celebración do vindeiro EAN13 en agosto de 2023, combina artes plásticas cun marcado carácter performativo, convertindo as Hejduk nun espazo expositivo e autorreferencial onde unha intervención artística se inaugura nun ciclo continuo e repetitivo.
Unha fonda crítica ás convencións sociais e a un pasado que se resiste a desaparecer para deixar espazo ao novo; un convite á reflexión sobre a decadencia da sociedade capitalista. Son os eixos que sustentan A inauguración, que nos presenta ademais un feixe de referencias á cultura popular urbana propia da xeración Z.
O proxecto inclúe tamén a colaboración de artistas participantes en diferentes edicións do EAN, como Francisco Ramallo, Lúa Gándara, Miguel Scheroff, Los Bravú, Francesc Rosselló, Sara Gema Dominguez Castillo ou Eleonore Ozanne. A proposta foi escollida como vencedora entre os nove proxectos presentados, dous deles de candidaturas colectivas, e o xurado do certame valorou, entre outros aspectos, a faceta inclusiva da intervención de Joel Blanco, integrando a participación e a obra de outros artistas.
Joel Blanco
Artista visual cunha sólida formación, que se está a facer un oco como un dos nomes esenciais da nova arte galega, Joel Blanco (A Coruña, 1991) defínese a si mesmo como "membro inactivo da xeración Pokémon, experto en comida lixo, estudante de filosofía e deseñador". A súa obra abrangue desde as artes plásticas ao deseño e a investigación. No seu traballo ten unha fonda influencia a cultura popular, ademais da crítica e a filosofía como ferramentas que sempre o acompañan á hora de crear. En 2017 graduouse na Design Academy de Eindhoven e dende entón recibiu diversos recoñecementos entre os que destacan o Neo2 Designers Awards 2020, ou o Best of España -34 talentos do deseño e da arte de AD 2022-. O seu traballo como deseñador de producto e investigador de tendencias, en proxectos centrados en estratexia, deseño especulativo e deseñoficción, valeulle tamén ser recoñecido pola revista Forbes como un dos 40 mellores futuristas de España en 2022. |
|
..
