Imago Sancti Iacobi: a ilustración xacobea na Biblioteca de Galicia

Neste ano 2021 no que se celebra un novo Ano Santo, a Biblioteca de Galicia non podía deixar de poñer en valor este acontecemento a través dunha mostra bibliográfica na que se poderán contemplar algunha das obras máis significativas do seu fondo relacionadas co fenómeno xacobeo.

Historia ou lenda? A crenza dende o século IX na presenza en Santiago de Compostela dos restos dun dos 12 apóstolos fai da cidade galega un dos lugares icónicos da cristiandade. Roma, Xerusalén e Santiago convértense na principal referencia xeográfica das cidades santificadas pola presenza de Cristo ou dalgún dos seus discípulos.

A historia do achado da tumba do apóstolo, a creación da sé compostelá e o fenómeno das peregrinacións farán de Galicia a protagonista de multitude de obras. A imaxinería e simboloxía sobre Santiago apóstolo e as tradicións que, ao seu abeiro, se van desenvolvendo ao longo dos séculos encheron dende moi cedo as páxinas de moitos libros, que contribuíron a magnificar o fenómeno xacobeo.

Esta exposición tratará de mostrar ás persoas visitantes as primeiras representacións do apóstolo e da cidade compostelá, e a paulatina aparición de iconografías e simboloxías do fenómeno xacobeo. Algúns xa dende os primeiros volumes manuscritos dos séculos XII e XIII, como a catedral no mapamundi do beato de Burgo de Osma ou como “Arca Marmárica”, ou as primeiras representacións do apóstolo, que se continúan a través de impresos dos séculos XVI ao XIX. Santiago entronizado, peregrino ou a cabalo, que se difundirá, como a cruz de Santiago coa Orde do mesmo nome. E simboloxías como a cuncha o báculo ou a cabaza que adorna estas figuras ou as de tantos e tantos peregrinos reflectidos en libros e estampas.

A reinterpretación que fixeron algúns dos grandes intelectuais galegos de comezos do século XX do tema xacobeo tamén estará presente nesta exposición. O mesmo que imaxes tan identificables na actualidade, como a frecha amarela, que tamén se pode ver en multitude de impresos e non só pintada nas pedras e demais sinais que marcan o Camiño de Santiago.

Serán en total máis de 40 obras das coleccións da Biblioteca de Galicia que permitirán achegarse a como se ilustraron nos libros tanto o apóstolo como Camiño en si e a propia cidade  Santiago ao longo de todos estes séculos de historia xacobea. Unha historia e un fenómeno creadores dunha iconografía propia e recoñecible como poucas no mundo.  

 
Exposicións
 
29 Nov 2023 - 28 Abr 2024
De martes a domingo | De 10 a 20h
5 Dec 2023 - 19 Mai 2024
22 Mar — 4 Ago 2024
De martes a domingo | De 10 a 20 h
Xul 2024 — Xan 2025
De martes a domingo | De 10 a 20 h